Libro Primeiro das Crónicas 18:1-17
18 Despois disto, venceu David ós filisteos e humillounos, arrebatándolles das mans Gat e as cidades da súa dependencia.
2 Venceu tamén ós moabitas, que acabaron suxeitos a David, pagándolle un tributo.
3 Venceu tamén David a Hadadézer, rei de Sobah, no país de Hamat, cando este ía xa asenta-lo seu dominio sobre o Éufrates.
4 Tomoulle David mil carros, sete mil cabaleiros e vinte mil soldados de a pé; tronzoulle tódolos cabalos de tiro, non conservando máis ca uns cen para si.
5 Viñeron os sirios de Damasco en socorro de Hadadézer, rei de Sobah e Damasco, e David derrotou a vinte mil sirios,
6 puxo tropas propias en Damasco, para que os sirios ficasen suxeitos a David, pagándolle tributos. Iavé protexía a David por onde queira que ía.
7 Tomou David os escudos de ouro que pertencían ós soldados de Hadadézer e levounos a Xerusalén.
8 Tamén se apoderou dunha gran cantidade de bronce en Tibhat e Cun, cidades de Hadadézer. Con el fixo máis tarde Salomón o Mar de Bronce, as columnas e os utensilios de bronce.
9 Soubo Tou, rei de Habat, que David derrotara o exército de Hadadézer, rei de Sobah.
10 Entón mandoulle o seu fillo Doram a saudar e felicita-lo rei David por atacar e vencer a Hadadézer, pois Tou estaba en loita con Hadadézer.
11 Mandoulle tamén toda sorte de copas de ouro, prata e bronce, que o rei David consagrou a Iavé, xunto co ouro e a prata que tomara a tódalas nacións: a Edom, a Moab, ós amonitas, ós filisteos e a Amalec.
12 Abixaí, fillo de Seruiah, venceu a dezaoito mil edomitas no val do Sal,
13 puxo tropas en Edom para que Edom ficase suxeito a David. Iavé protexía a David por onde queira que fose.
14 David reinou sobre Israel todo, facendo dereito e xustiza a todo o pobo.
15 Ioab, fillo de Seruiah, era xefe do exército; Ioxafat, fillo de Ahilud, era o cronista,
16 Sadoc, fillo de Ahitub, e Abimélec, fillo de Abiatar, eran sumos sacerdotes; Seraías era secretario;
17 Benaías, fillo de Iehoiadá, era xefe dos cereteos e peleteos; e os fillos de David eran os primeiros ó lado do rei.