Libro Primeiro das Crónicas 5:1-26
5 Fillos de Rubén, primoxénito de Israel. Era o primoxénito, pero por mancha-lo leito de seu pai, o dereito de primoxenitura foilles dado ós fillos de Xosé, fillo de Israel, e non foi rexistrado como primoxénito.
2 Xudá foi abofé poderoso entre seus irmáns e o príncipe deles, pero o dereito de primoxenitura foi de Xosé.
3 Fillos de Rubén, primoxénito de Israel: Henoc, Falú, Hesrón e Carmí.
4 Fillos de Ioel: Xemaías, seu fillo; Gog, seu fillo; Ximí, seu fillo;
5 Miqueas, seu fillo; Reaías, seu fillo; Báal, seu fillo,
6 e Beerah, fillo seu, levado a Asiria por Teglat Peléser, rei de Asiria. Era príncipe dos rubenitas.
7 Seus irmáns, segundo as súas familias, tal como foron rexistrados nas xenealoxías, foron: o primeiro, Ieiel, Zacarías,
8 Bela, fillo de Azaz, fillo de Xemá, fillo de Ioel, que habitou en Aroer ata Nebó e Baal-Meón,
9 e ó Oriente, ata a entrada do deserto, desde o río Éufrates, pois tiña moito gando na terra de Galaad.
10 En tempos de Xaúl fixéronlle-la guerra ós agarenos, que caeron no seu poder, e habitaron nas súas tendas en todo o Oriente de Galaad.
11 Enfronte deles habitaban os fillos de Gad, na terra de Baxán ata Salcah.
12 Ioel foi o primeiro; Xafam, o segundo; logo Ianai e Xafat, no Baxán.
13 Seus irmáns, segundo as casas de seus pais, eran: Micael, Mexulam, Xeba, Iorai, Iacán, Zía e Héber, que fan sete.
14 Ei-los fillos de Abihail, fillo de Hurí, fillo de Iaróah, fillo de Galaad, fillo de Micael, fillo de Iexixai, fillo de Iahdó, fillo de Buz;
15 Ahí, fillo de Abdiel, fillo de Guní, era o xefe das casas de seus pais.
16 Habitaban en Galaad, no Baxán, nas cidades da súa dependencia, e nos eidos de Xarón ata os seus límites.
17 Foron rexistrados todos nas xenealoxías en tempos de Iotam, rei de Xudá e de Ieroboam, rei de Israel.
18 Os fillos de Rubén, os de Gad e de media tribo de Menaxés, en número de corenta e catro mil setecentos sesenta, eran bos para a guerra: valerosos, levaban escudo e espada, tensaban o arco e eran entendidos na arte da guerra.
19 Fixéronlle-la guerra ós agarenos, ós itureos, a Nafix e a Nodab.
20 Foron axudados contra eles, e os agarenos e cantos estaban con eles caeron nas súas poutas, pois durante a loita chamaron a Deus que os escoitou, por confiaren nel.
21 Colleron o seu gando: cincuenta mil camelos, duascentas cincuenta mil ovellas, dous mil asnos, e levaron presas a cen mil persoas,
22 e houbo moitos mortos, pois o combate viña de Deus. Establecéronse no seu lugar ata o tempo en que foron levados á catividade.
23 Media tribo de Menaxés habitaba a rexión desde o Baxán ata Baal-Hermón, Senir e a montaña de Hermón. Eran numerosos.
24 Ei-los xefes das casas de seus pais: Éfer, Ixí, Eliel, Azriel, Xeremías, Hodavías, Iahdiel, homes valerosos, xente de fama, xefes das casas de seus pais.
25 Pero pecaron contra o Deus de seus pais e prostituíronse tralos deuses das xentes da terra que Deus destruíra diante deles.
26 Entón o Deus de Israel encirrou contra eles o espírito de Pul, rei de Asiria (é dicir, o espírito de Teglat Peléser, rei de Asiria), quen levou presos os rubenitas, gaditas e a media tribo de Menaxés, conducíndoos a Halah, Habor, Hará e ó río Gozán, onde habitaron ata hoxe.