Primera Carta ós Corintios 1:1-31

1  Paulo, chamado a ser apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, así coma o irmán Sóstenes:  á Igrexa de Deus que está en Corinto, ós que están santificados en Cristo Xesús, chamados a ser santos cos que en calquera lugar invocan o nome do noso Señor Xesús Cristo, Señor deles e noso,  desexámosvos gracia e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.  Non paro de lle dar gracias a Deus por vós, pola gracia de Deus que se vos deu por medio de Cristo Xesús.  Porque por medio del quedastes ricos en todo, nos dons da palabra e do coñecemento:  e así confirmouse solidamente entre vós o testemuño en favor de Cristo.  De xeito que non carecedes de ningún don, mentres agardáde-la revelación do noso Señor Xesús Cristo.  El é quen vos manterá firmes deica á fin, para que ninguén vos poida acusar de nada no día do noso Señor Xesús Cristo.  Deus é fiel e foi El quen vos chamou á comunidade do seu Fillo Xesús Cristo, noso Señor. 10  Irmáns, polo nome do noso Señor Xesús Cristo: rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ó contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento. 11  Pois, irmáns, polos de Cloe cheguei a saber que hai discordias entre vós. 12  Refírome a que cada un de vós anda a dicir: “eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo”. 13  ¿Pero é que Cristo está dividido? ¿É que foi Paulo a quen crucificaron por vós? ¿Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron? 14  Dou gracias a Deus de non ter eu bautizado a ningún de vós fóra de Crispo e de Caio; 15  así ninguén poderá dicir que vos bautizaron no meu nome. 16  (Ai si, tamén bauticei a familia do Estevo; pero do resto, que eu acorde non bauticei a ninguén). 17  Porque non me mandou Cristo a bautizar, senón a predica-lo Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo. 18  Porque a palabra da cruz é loucura para os que se perden, pero para nós, os que nos salvamos, é poder de Deus. 19  Pois está escrito:Desmontarei a sabedoría dos sabiose derrubarei a intelixencia dos intelixentes. 20  ¿Onde está o sabio? ¿Onde o letrado? ¿Onde está o investigador conforme ós criterios deste mundo? ¿É que non mostrou Deus que a sabedoría do mundo é unha parvada? 21  Mirade, xa que o mundo con todo o seu saber non recoñeceu a Deus na súa Sabedoría, tivo Deus a ben salvar coa loucura da predicación ós que teñen fe. 22  Así os xudeus piden signos e os gregos buscan a sabedoría; 23  pero nós predicamos un Mesías crucificado: e isto para os xudeus é un escándalo e para os pagáns é unha loucura. 24  Pero para os chamados, tanto xudeus coma gregos, el é Cristo, marabilla do poder e da sabedoría de Deus. 25  Porque a loucura de Deus é máis sabia ca toda a sabedoría dos homes e a debilidade de Deus é máis forte ca toda a fortaleza dos homes. 26  E, se non, irmáns, reparade en quen sóde-los chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza. 27  Ó contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcerta-los sabios; e o que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcerta-lo poder; 28  o plebeo e mailo desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anula-lo que é; 29  de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus. 30  Por El é por quen existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e maila xustiza, a santificación e maila redención que veñen de Deus. 31  E así, como está escrito, “quen está orgulloso, que o estea do Señor”.

Notas ó pé