Primera Carta ós Corintios 10:1-33
10 Porque eu non quero, irmáns, que ignoredes que os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do mar;
2 que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés;
3 que todos comeron o mesmo alimento espiritual —
4 pois bebían da pedra espiritual que os acompañaba: e esa pedra era Cristo—.
5 Pero, con todo, a maior parte deles non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.
6 Isto sucedeu coma un exemplo para nós, a fin de que non teñamos degaros do mal, coma eles os tiveron.
7 Nin vos fagades idólatras, o mesmo que algúns deles; como está escrito: Sentou o pobo a comer e a beber, e logo levantáronse para se divertiren.
8 Nin nos entreguemos á impureza, como fixeron algúns deles, e nun día caeron vintetrés mil.
9 Nin tentémo-lo Señor, coma algúns deles o tentaron e pereceron mordidos polas serpentes.
10 Nin murmuredes, coma algúns deles e pereceron víctimas do Exterminador.
11 Isto sucedeulles a eles coma exemplo, pero escribiuse para o noso escarmento: para nós que vivimos na fin dos tempos.
12 ¡De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado de non caer!
13 E a vós non vos viñeron tentacións que superen as forzas humanas. Fiel é Deus, que non consentirá que teñades tentacións superiores ás vosas forzas: coa tentación havos dar tamén os medios para poder saír dela.
14 Polo tanto, meus benqueridos, fuxide da idolatría.
15 Fálovos como se lle fala á xente asisada: xulgade vós mesmos o que digo.
16 A copa da bendición que bendicimos, ¿non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, ¿non é unha comuñón co corpo de Cristo?
17 E como hai un único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan.
18 Ollade para o Israel histórico: os que comen as víctimas ¿non están en comuñón co altar?
19 ¿Que quero dicir entón? ¿Que a carne inmolada ós ídolos é algo? ¿Ou que é algo o ídolo?
20 Ó contrario, digo que os sacrificios que ofrecen os pagáns honran ós demos e non a Deus; e eu non quero que entredes en comuñón cos demos.
21 Non podedes bebe-la copa do Señor e a copa dos demos. Non podedes participar na mesa do Señor e na mesa dos demos.
22 ¿Ou é que queremos desafia-lo Señor? ¿Ou somos nós máis fortes ca El?
23 “Todo está permitido”, —pero non todo me presta; “todo está permitido” —pero non todo é constructivo.
24 Que ninguén busque o seu propio interese, senón o dos demais.
25 Comede todo o que se vende na cortaduría, sen preguntar cousa ningunha por motivos de conciencia,
26 pois do Señor é a terra e todo o que a enche.
27 Se algún infiel vos convida e queredes ir, comede todo o que vos poñan e non preguntedes nada por motivos de conciencia.
28 Pero se un vos di: “isto foi sacrificado ós ídolos”, daquela non comades: por causa de quen vos avisou e pola conciencia.
29 Refírome non á vosa conciencia, senón a do outro.
—Pero, ¿por que a miña liberdade vai ter de xuíz a conciencia doutro?
30 E, se eu cando participo nunha comida llo agradezo a Deus, ¿por que me teñen que criticar por algo que como dándolle as gracias?
31 —Ollade: tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus.
32 Non sexades tropezo nin para os xudeus, nin para os gregos, nin para a Igrexa de Deus.
33 Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven.