Libro Primeiro dos Reis 16:1-34

16  Iehú, fillo de Hananí, recibiu esta palabra do Señor contra Baxá:  —“Eu tireite do po e fíxente xefe do meu pobo Israel. Mais ti fuches polo mesmo camiño ca Ieroboam e fixeches pecar a Israel, anoxándome cos vosos pecados.  Por iso vou varrer a Baxá e a súa familia, facendo con ela o que fixen coa familia de Ieroboam, fillo de Nabat.  Os que lle morran a Baxá na cidade, comeranos os cans, e os que lle morran no campo, comeranos os paxaros do ceo”.  O resto da historia de Baxá, os seus feitos e as súas proezas ¿non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel?  Baxá durmiu con seus pais, e enterrárono en Tirsah. Sucedeulle no trono o seu fillo Elah.  Polo profeta Iehú, fillo de Hananí, veu a palabra do Señor contra Baxá e contra a súa familia, por culpa do mal que fixera ós ollos do Señor, por anoxalo cos seus feitos, coma a familia de Ieroboam, e porque exterminou esta familia.  No ano vinteseis do reinado de Asá en Xudá empezou a reinar Elah, fillo de Baxá, en Tirsah. Reinou dous anos.  O seu oficial Zimrí, xefe da metade dos carros de guerra, conspirou contra el. Cando Elah estaba emborrachándose en Tirsah, na casa de Arsá, maiordomo do pazo de Tirsah, 10  entrou Zimrí, feriuno e matouno. E no ano vintesete do reinado de Asá en Xudá, sucedeulle no trono. 11  O primeiro que fixo Zimrí, ó verse sentado no trono, foi matar a toda a familia de Baxá, sen deixar un só varón, un vingador do sangue ou un amigo. 12  Zimrí exterminou a toda a familia de Baxá, conforme a palabra que dixera o Señor contra Baxá polo profeta Iehú. 13  Foi por culpa de tódolos pecados de Baxá e de Elah, os deles e mailos que fixeran cometer a Israel, anoxando cos seus ídolos ó Señor, seu Deus. 14  O resto da historia de Elah e todo o que fixo ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 15  Zimrí empezou a reinar no ano vintesete do reinado de Asá en Xudá. Reinou sete días en Tirsah. Cando o pobo que estaba acampado cerca de Guibetón, que pertencía ós filisteos, 16  tivo a nova de que Zimrí se revoltara contra o rei e que o matara, aquel mesmo día, no campamento, Israel enteiro proclamou rei a Omrí, xefe do exército. 17  Omrí e todo Israel rubiron de Guibetón e puxeron cerco a Tirsah. 18  Cando Zimrí viu que a cidade estaba a punto de caer, entrou no pazo real, prendeulle lume e morreu nel. 19  Foi polos pecados que cometera, facendo o mal ós ollos do Señor e seguindo o camiño de Ieroboam e o seu pecado de facer pecar a Israel. 20  O resto da historia de Zimrí e a súa revolta, ¿non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 21  Daquela, o pobo de Israel dividiuse en dous bandos. A metade seguía a Tibní, fillo de Guinat, e quería facelo rei. A outra metade seguía a Omrí. 22  Os partidarios de Omrí prevaleceron sobre os de Tibní, fillo de Guinat. Tibní caeu morto, e Omrí foi rei. 23  Omrí empezou a reinar sobre Israel no ano trinta e un do reinado de Asá en Xudá. Reinou doce anos, seis deles en Tirsah. 24  Mercoulle a Sémer a montaña de Samaría por dous talentos de prata, e construíu nela unha cidade, á que chamou Samaría, polo nome de Sémer, que fora o dono da montaña. 25  Omrí fixo o mal ós ollos do Señor. Foi peor aínda cós seus antecesores. 26  Seguiu o mesmo camiño ca Ieroboam, fillo de Nabat, e caeu nos pecados que el fixera cometer a Israel, anoxando cos seus ídolos ó Señor, Deus de Israel. 27  O resto da historia de Omrí, os seus feitos e as súas proezas, ¿non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 28  Omrí durmiu con seus pais, e enterrárono en Samaría. Sucedeulle no trono o seu fillo Acab. 29  Acab, fillo de Omrí, empezou a reinar en Israel no ano trinta e oito do reinado de Asá en Xudá. Reinou sobre Israel en Samaría vintedous anos. 30  Acab, fillo de Omrí, fixo o mal ós ollos do Señor, peor ca tódolos seus antecesores. 31  Como se fose pouco caer nos pecados de Ieroboam, fillo de Nabat, colleu por muller a Iezabel, filla de Etbaal, rei dos sidonios, e chegou a dar culto a Baal e postrarse diante del. 32  Ergueu un altar a Baal, na ermida que lle construíra en Samaría, e levantou unha Axerah. 33  Provocou o noxo do Señor, Deus de Israel, cada vez máis, peor ca tódolos reis que houbera antes del en Israel. 34  No seu tempo, Hiel de Betel reconstruíu Iericó. Botoulle os cimentos co pago da vida de Abiram, seu primoxénito, e púxolle as portas co pago da vida do máis novo, Seguib, conforme a palabra do Señor por Xosué, fillo de Nun.

Notas ó pé