Libro Primeiro de Samuel 13:1-23

13  Xaúl tiña os seus anos cando empezou a reinar e reinou vintedous anos sobre Israel.  Escolleu para si tres mil israelitas. Dous mil estaban con el en Micmás e na montaña de Betel e os outros mil estaban con Ionatán, en Gueba de Benxamín. Ó resto do pobo mandouno para as súas casas.  Ionatán destruíu o posto filisteo que había en Gueba e os filisteos soubérono. Xaúl mandou toca-la trompeta por todo o país para dicir: —“Que os hebreos escoiten”.  Todo Israel oíu dicir que Xaúl destruíra o posto dos filisteos e que Israel rompera con eles. O exército reuniuse con Xaúl en Guilgal.  Os filisteos reuníronse tamén para face-la guerra a Israel. Contaban con tres mil carros, seis mil de cabalería e un exército de a pé coma a area das praias. Subiron a acampar en Micmás ó leste de Bet-Aven.  Os israelitas víronse en apreto, porque estaban cercados; e escondíanse en covas e nas fendas das rochas, en buratos e en pozos.  Algúns pasaron o Xordán, cara ó país de Gad e de Galaad. Xaúl seguía en Guilgal, mais a xente que estaba con el arreguizaba co medo.  Agardou sete días, o prazo fixado por Samuel. Pero Samuel non daba chegado a Guilgal e a xente empezaba a espallarse.  Entón dispuxo Xaúl: —“Traédeme as víctimas para o holocausto e para o sacrificio de comuñón”. E ofreceu el o holocausto. 10  Cando acababa de ofrece-lo holocausto, presentouse Samuel. Xaúl saíulle ó encontro e saudouno. 11  Samuel preguntoulle: —“¿Que fixeches?” E Xaúl respondeulle: —“Ó ver que o pobo se espallaba, que ti non chegabas no prazo fixado e que os filisteos se concentraban en Micmás, 12  pensei para min: agora os filisteos botaránseme enriba, en Guilgal, sen ter eu aínda aplacado ó Señor. E atrevinme a ofrece-lo holocausto”. 13  Samuel díxolle a Xaúl: —“Obraches coma un necio. Se seguíse-las ordes que o Señor, o teu Deus, che deu, o Señor afincaría para sempre o teu reinado sobre Israel. 14  Pero agora o teu reinado non se manterá. Xa que ti non obedecíche-las ordes do Señor, o Señor buscou un home do seu gusto e decidiu que fose el o xefe do seu pobo”. 15  Samuel subiu de Guilgal e seguiu polo seu camiño. O exército que lle quedara a Xaúl subiu con este ó encontro dos filisteos. De Guilgal dirixiuse a Gueba de Benxamín. Xaúl pasou revista á xente que estaba con el: eran coma seiscentos homes. 16  Xaúl, o seu fillo Ionatán e os homes que ían con eles, asentáronse en Gueba de Benxamín. Os filisteos, pola súa parte, acamparon en Micmás. 17  Do campamento filisteo saía unha forza de combate que se dividía en tres corpos: un colleu o camiño de Ofrah, cara ó país de Xual; 18  outro dirixiuse a Bet-Horón e o terceiro encamiñouse cara á fronteira que domina o val de Seboím, cara ó deserto. 19  Daquela en todo o país de Israel non se atopaba un ferreiro. Os filisteos pretendían: “que non haxa quen lles forxe ós hebreos nin espada nin lanza”. 20  E os israelitas tiñan que baixar onda os filisteos para aguza-las rellas do arado, as eixadas, as machetas e as fouces. 21  Afiar unha rella e unha eixada custáballes dous tercios de siclo, e un tercio unha macheta e unha cuña. 22  E sucedía que, no día da batalla, non se atopaba nas mans dos homes que ían con Xaúl e con Ionatán nin espada nin lanza, fóra da espada e da lanza que levaban eles os dous. 23  Un pelotón dos filisteos saíu cara ó desfiladeiro de Micmás.

Notas ó pé