Libro Primeiro de Samuel 16:1-23

16  O Señor faloulle a Samuel: —“¿Ata cando estarás aflixido por Xaúl, sendo que eu o rexeitei como rei de Israel? Enche o corno de óleo e vaite, de parte miña, onda Ixaí, o de Belén, pois escollín un rei entre os seus fillos”.  Samuel respondeu: —“¿Como farei para ir? Saberao Xaúl e matarame”. O Señor díxolle: —“Leva contigo unha xovenca e di que vas ofrecer un sacrificio ó Señor.  Convida a Ixaí ó sacrificio e eu direiche o que has facer; unxirás a quen eu che diga”.  Samuel fixo o que lle mandaba o Señor. Ó chegar a Belén, os anciáns da cidade saíronlle inquedos ó encontro e preguntáronlle: —“¿Vés para ben?”  El respondeulles: —“Para ben. Veño ofrecer un sacrificio ó Señor. Purificádevos e vide comigo ó sacrificio”. Logo fixo que se purificasen Ixaí e os seus fillos e convidounos ó sacrificio.  Cando chegaron e viu a Eliab, pensou: —“De seguro que o Señor ten diante de si o seu unxido”.  Pero o Señor díxolle a Samuel: —“Non te fixes no seu bo ver, nin na súa estatura. Ese está excluído, pois Deus non olla coma os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón”.  Ixaí chamou entón a Abinadab e fíxoo pasar diante de Samuel. Pero Samuel dixo: —“Tampouco a este non o escolleu o Señor”.  Ixaí fixo pasar logo a Xamah e Samuel dixo: —“O Señor non escolleu tampouco a este”. 10  Ixaí fixo pasar a sete dos seus fillos á vista de Samuel e Samuel dixo: —“Ningún destes é o escollido do Señor”. 11  Samuel preguntoulle a Ixaí: —“¿Xa non tes máis rapaces?” E el respondeulle: —“Queda aínda o pequeno, que está gardando as ovellas”. Samuel díxolle: —“Pois manda que o traian, xa que non nos sentaremos á mesa ata que el chegue”. 12  Ixaí mandou que o fosen buscar. Era loiro, de ollos fermosos e de bo parecer. O Señor dixo a Samuel: —“Érguete e únxeo, pois é este”. 13  Samuel colleu o corno do óleo e unxiuno diante dos seus irmáns. Desde aquel intre e en adiante o espírito do Señor apoderouse de David. Despois Samuel voltou para Ramah. 14  O espírito do Señor retirouse de Xaúl e un mal espírito de parte do Señor comezou a atormentalo. 15  Dixéronlle os seus servidores: —“Mira que te atormenta un mal espírito. 16  Que o noso Señor o dispoña, e nosoutros, os teus servos, buscaremos alguén que saiba toca-la harpa. Cando se meta en ti o mal espírito, tocaraa e mellorarás”. 17  Xaúl respondeulles: —“Procurádeme, pois, alguén que saiba tocar e facédemo vir”. 18  Niso repuxo un dos criados: —“Eu coñezo un fillo de Ixaí, o de Belén, que sabe tocar. É un rapaz valente e bo guerreiro, que fala ben e que é de bo parecer; e o Señor está con el”. 19  Xaúl enviou recadeiros a Ixaí con este encargo: —“Mándame o teu fillo David, o que garda o rabaño”. 20  Ixaí colleu o burro, cunha fogaza de pan, un pelexo de viño e un cabuxo, e mandoullo a Xaúl polo seu fillo David. 21  Chegado David onda Xaúl, púxose ó seu servicio. Xaúl colleulle cariño e fíxoo o seu escudeiro. 22  Xaúl mandoulle recado a Ixaí: —“Rógoche que deixes quedar comigo a David, pois cáeme ben”. 23  Cando o mal espírito lle viña a Xaúl, David tocaba a harpa. Xaúl sentía melloría. O mal espírito afastábase del.

Notas ó pé