Libro Primeiro de Samuel 22:1-23

22  David marchou de alí e foise esconder á furna de Adulam. Soubérono os seus irmáns e toda a súa familia e foron alí onda el.  Ó redor del xuntáronse xentes que estaban en apuros, homes cargados de débedas e desesperados da vida. David foi o seu xefe. Chegou a haber ó seu arredor coma catrocentos homes.  De alí foi David a Mispah de Moab. E díxolle ó rei de Moab: —“Permite que meu pai e miña nai queden aquí convosco, ata que eu acabe de sabe-lo que Deus quere de min”.  Presentoullos ó rei de Moab e eles quedaron alí todo o tempo que David estivo no refuxio.  O profeta Gad díxolle a David: —“Non quedes nese refuxio. Vai e entra na terra de Xudá”. David marchou de alí e meteuse no bosque de Háret.  Chegoulle noticia a Xaúl de que se soubera de David e dos seus homes, mentres estaba el en Guibah, sentado debaixo dun tamarisco, no outeiro, coa lanza na man e rodeado dos seus servidores.  Xaúl faloulles deste xeito: —“Escoitádeme, benxaminitas. Polo visto o fillo de Ixaí vai repartir entre todos vós agros e viñas e vaivos nomear a todos xefes de milleiro e de centuria,  pois conspirades todos contra min e ninguén me informou do pacto de meu fillo co fillo de Ixaí. Ninguén de vós ten dó de min. Ninguén me descubriu que o meu fillo ergueu contra min a un servo meu, que me está axexando agora mesmo”.  Respondeulle Doeg, o edomita, un dos servidores de Xaúl: —“Eu vin o fillo de Ixaí chegar a Nob, onda Ahimélec, fillo de Ahitub, 10  que consultou ó Señor por el, forneceuno de provisións e deulle a espada de Goliat, o filisteo”. 11  O rei mandou chamar polo sacerdote Ahimélec, fillo de Ahitub, e por toda a súa familia de sacerdotes de Nob. Compareceron todos onda o rei 12  e Xaúl dixo: —“Escóitame, fillo de Ahitub”. E el respondeu: —“Aquí estou, meu Señor”. 13  Xaúl preguntoulle: —“¿Por que vos conxurastes contra min ti e o fillo de Ixaí? Ti décheslle pan e unha espada e consultaches a Deus por el, para que se repuxese contra min e me axexase, cousa que está facendo xa”. 14  Ahimélec respondeulle ó rei: —“¿Quen dos teus servos é de fiar coma David, xenro do rei, xefe da túa garda, honrado no teu pazo? 15  ¿É hoxe a primeira vez que consulto a Deus por el? Mais ¡Deus me libre! Non lle apoña o rei ó seu servidor nin á súa familia esas cousas, pois o teu servo non sabe nin pouco nin moito sobre iso”. 16  O rei díxolle: —“Vas morrer, Ahimélec, ti e toda a túa familia”. 17  O rei mandoulles ós soldados da súa garda: —“Cercade os sacerdotes do Señor e matádeos, xa que se puxeron de parte de David e sabendo que fuxía non me deron aviso”. Pero os servidores do rei non quixeron ergue-las mans para mata-los sacerdotes do Señor. 18  O rei díxolle entón a Doeg: —“Acércate ti e mátaos”. E Doeg o edomita achegouse, pegou nos sacerdotes e matounos: oitenta e cinco homes, que levaban efod de liño. 19  Na cidade sacerdotal de Nob, Xaúl fixo matar co gume da espada homes e mulleres, rapaces e nenos; e mesmo bois, xumentos e ovellas caeron polo gume da espada. 20  Salvouse un fillo de Ahimélec, fillo de Ahitub, que se chamaba Abiatar, fuxindo para onda David. 21  Abiatar contoulle a David como Xaúl fixera mata-los sacerdotes do Señor. 22  E David díxolle a Abiatar: —“Xa sabía eu aquel día que, estando alí Doeg o edomita, informaría a Xaúl. Eu son o responsable da morte de toda a túa familia. 23  Ti queda comigo e non teñas medo. O que intente matarte a ti, terá que matarme a min. Onda min estarás seguro”.

Notas ó pé