Libro Primeiro de Samuel 25:1-44
25 Samuel morreu e todo Israel se xuntou para choralo. Enterrárono en Ramah na súa propiedade. Despois diso David baixou cara ó deserto de Maón.
2 En Maón había un home que tiña os seus eidos en Carmel. Era moi rico. Tiña tres mil ovellas e mil cabras. Fora a Carmel para tosquia-las súas ovellas.
3 Chamábase Nabal e a súa muller Abigail. A muller era asisada e belida; pero o home, un calebita, era áspero e retorto.
4 David oíu no deserto que Nabal facía o tosquiado das ovellas
5 e mandou vinte homes coa encomenda: —“Subide a Carmel, chegádevos onda Nabal e saudádeo da miña parte.
6 Dicídelle: ¡Saúde! A paz contigo, coa túa familia e con toda a túa facenda.
7 Souben que andas no tosquiado. Ora os teus pastores estiveron connosco e nós nunca os molestamos nin lles faltou cousa ningunha, mentres estiveron connosco en Carmel.
8 Pregúntallelo ós teus criados, que eles cho dirán. Atende, logo, benevolamente ós meus homes, xa que chegamos nun día de ledicia e dálles ós teus servos e ó teu fillo David o que teñas á man”.
9 Chegados os homes de David onda Nabal, repetíronlle esas palabras no nome de David e quedaron á espera.
10 Pero Nabal respondeulles: —“¿Quen é David e quen o fillo de Ixaí? Hoxe abundan os escravos que foxen de onda os seus amos.
11 ¿Seica vou coller eu o meu pan e a miña auga e as ovellas que matei para os meus tosquiadores e darllos a unha xente que nin sei de onde vén?”
12 Os homes de David deron volta polo mesmo camiño e, en chegando, contáronllo todo palabra por palabra.
13 David ordenoulles entón: —“Cinguídevos cada un a vosa espada”. E todos cinguiron as espadas, o mesmo David coma os seus homes. Catrocentos deles subiron, seguindo a David, e douscentos quedaron gardando a equipaxe.
14 Un dos criados avisou a Abigail, a muller de Nabal: —“Mira que David mandou desde o deserto mensaxeiros, que saudaran ó noso amo e este tratounos mal.
15 Eles, pola súa parte, tíñannos tratado sempre ben; nunca nos molestaron, nin nos faltou cousa ningunha, mentres nós estivemos fóra.
16 Foron a nosa defensa, de noite e de día, todo o tempo en que estivemos preto deles gardando os rabaños.
17 Pensa, logo, que podes facer, porque a desgracia do noso amo e da súa familia está xa decidida, ó ser el un parvo que non atende a razóns”.
18 Abigail, a toda présa, colleu douscentos pans, dous pelexos de viño, cinco cordeiros cocidos, cinco tegas de gran torrado, cen acios de uvas pasas e duascentas tortas de figos e carrexou todo en burros.
19 E díxolles ós criados: —“Ide diante de min; eu seguireivos”. Ó seu home Nabal non lle dixo nada.
20 Ía a cabalo do burro, baixando, ó amparo do monte. David e os seus homes baixaban na súa dirección e atopáronse con ela.
21 David ía cismando: —“Perdín o tempo gardando as habenzas dese no deserto. Non lle faltou cousa ningunha e agora págame mal por ben.
22 Que Deus castigue a David, se mañá deixo con vida un só dos homes de Nabal”.
23 En canto Abigail viu a David, baixouse ás présas do burro e postrouse diante del co rostro cara ó chan.
24 Axeonllada ós seus pés, díxolle: —“Que a culpa, señor, recaia sobre min. Pero permite á túa serva que che fale; escoita as palabras da túa serva.
25 Que o meu señor non tome en serio a ese perverso de Nabal, pois, como di o seu nome, Nabal é un parvo, no que a necidade se acubilla. A túa serva non viu eses homes que ti, meu señor, mandaches.
26 Agora, meu señor, ¡polo Señor e pola túa vida! O Señor impediu que chegases a verquer sangue e que collése-la xustiza pola man. Que se vexan coma Nabal os teus inimigos e os que tentan facerche mal.
27 Rógoche que este agasallo, que a túa serva lle trouxo ó meu señor, sexa repartido entre os homes que seguen ó meu señor.
28 Pídoche que perdóe-lo erro da túa serva. Certamente o Señor halle dar ó meu señor unha familia duradeira. Xa que o meu señor pelexa nas guerras do Señor, o mal non te acadará en toda a túa vida.
29 Se alguén se erguese perseguíndote coa intención de matarte, a vida do meu señor está gardada no acio dos que viven co Señor, o teu Deus, mentres a vida dos teus inimigos será posta no coiro da fonda.
30 Cando o Señor cumpra co meu señor todo o ben que lle prometeu e o teña establecido por rei de Israel,
31 que o meu señor non teña o pesar nin o remorso de conciencia de verquer sangue sen razón e de toma-la xustiza pola man. Cando o Señor te colme de bens, lémbrate da túa serva”.
32 David respondeulle a Abigail: —“Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, que te mandou neste intre ó meu encontro.
33 Bendito sexa o teu xuízo e bendita ti, que me impediches hoxe verquer sangue,
34 pois, pola vida do Señor, Deus de Israel, que me impediu facerche mal, que se non viñeses con tanta présa ó meu encontro, non lle quedaría a Nabal un só home ó lumbrigar do día”.
35 David tomou da súa man o que ela lle trouxera e logo díxolle: —“Sube en paz á túa casa. Ves que fago o que me pediches e que che teño consideración”.
36 Cando Abigail chegou onda Nabal, encontrouno celebrando unha esmorga de rei na súa casa. Tiña contento o corazón e estaba moi achispado. Ata ó amencer ela non lle dixo unha palabra, nin máis alta nin máis baixa.
37 Pola mañá, cando xa o viño saíra de Nabal, ela contoulle o que pasara. A Nabal paralizóuselle o corazón dentro do peito e quedou coma unha pedra.
38 Dez días despois, o Señor feriu a Nabal e este morreu.
39 Cando soubo David que morrera Nabal, exclamou: —“Bendito sexa o Señor, que me fixo xustiza da aldraxe que me fixera Nabal e que librou a este seu servo de facer mal, mentres fixo cae-la maldade de Nabal sobre a súa propia cabeza”. Despois David mandou dicir a Abigail que quería que fose a súa muller.
40 Os criados de David chegaron a Carmel onda Abigail e propuxéronlle da súa parte: —“David mándanos onda ti, pedirche que séxa-la súa muller”.
41 Ela deitouse no chan e respondeulles: —“Aquí está a túa serva, disposta a lava-los pés dos criados do meu señor”.
42 E axiña ergueuse, montou no burro e, acompañada de cinco criadas que a servían, marchou cos mensaxeiros de David e foi a súa muller.
43 David casou tamén con Ahinoam de Iezrael. As dúas foron as súas mulleres.
44 Xaúl, polo outro lado, déralle por muller a súa filla Micol, muller de David, a Paltí, fillo de Láix de Galim.