Libro Primeiro de Samuel 26:1-25

26  Os de Zif foron a Gueba, onda Xaúl, para dicirlle: —“¿Non sabes que David se acocha no outeiro de Haquilah, enfronte de Ieximón?”  Xaúl baixou, ó momento, ó deserto de Zif con tres mil homes escolleitos de Israel para buscar alí a David.  Xaúl acampou no outeiro de Haquilah enfronte de Ieximón á beira do camiño. Cando David, que vivía no deserto, viu que Xaúl viña ó deserto detrás del,  mandou espías que se informasen do sitio onde acampaba.  Logo achegouse David mesmo ó campamento de Xaúl e viu o posto onde se deitaban Xaúl e mais Abner, fillo de Ner, xeneral do exército. Xaúl deitábase e durmía no cercado dos carros coa tropa ó redor del.  Entón preguntoulle David a Ahimélec, o hitita, e a Abixai, fillo de Seruiah, irmán de Ioab: —“¿Quen quere baixar comigo ó campamento de Xaúl?” Abixai respondeulle: —“Baixo eu”.  David e Abixai chegaron de noite ó campamento e viron que Xaúl estaba deitado, durmindo, no cercado, coa lanza cravada no chan, á súa cabeceira. Abner e o exército estaban deitados ó redor.  Abixai díxolle a David: —“Hoxe púxoche Deus o teu inimigo nas túas mans. Agora déixame que o crave dun golpe de lanza contra o chan. Non cumprirá repetilo”.  David respondeulle a Abixai: —“Non quero que o mates. ¿Quen poñería a man impunemente sobre o unxido do Señor?” 10  E engadiu: —“Pola vida do Señor, que será el quen o fira, ou porque lle chegou a hora de morrer, ou porque acabe caendo na guerra. 11  Deus me libre de pó-la miña man sobre o unxido do Señor. Agora colle a lanza, que está á súa cabeceira, e a xerra da auga e vámonos”. 12  David colleu a lanza e a xerra da auga de onda a cabeceira de Xaúl e fóronse sen que ninguén os vise, nin se decatase, nin espertase. Estaban todos durmidos, coma se un sono do Señor caese riba deles. 13  David pasou para a outra banda e detívose no cume do monte deixando un longo treito entremedias. 14  E berrou cara á tropa de Abner, fillo de Ner: —“¿Respondes ou non, Abner?” E Abner preguntou: —“¿Quen es ti que berras cara ó rei?” 15  David díxolle a Abner: —“¿Seica non es ti un home? Mais ¿quen hai coma ti en Israel? ¿Por que non gardabas, logo, ó rei, o teu señor, cando un do pobo entrou para matalo? 16  O que fixeches non está ben. Pola vida do Señor, que meréce-la morte, por non protexe-lo voso señor, o unxido do Señor. Ora mira onde está a lanza do rei e a xerra da auga que tiña á cabeceira”. 17  Xaúl recoñeceu a voz de David e preguntoulle: —“David, meu fillo, ¿é esa a túa voz?” E el respondeulle: —“A mesma, rei, meu señor”. 18  E engadiu: —“¿Por que o meu señor persegue ó seu servo? ¿Que é o que fixen e que delito hai nas miñas mans? 19  Que o rei meu señor queira escoitar agora a palabra do seu servo. Se é o Señor o que te incita contra min, que el agree o recendo dunha ofrenda; mais, se son os homes, malditos sexan diante do Señor, porque me están arredando da miña parte no herdo do Señor, dicíndome que vaia servir a outros deuses. 20  Que o meu sangue non caia polo chan, lonxe da presencia do Señor. O rei de Israel saíu á caza dunha pulga, coma quen vai á caza da perdiz polas montañas”. 21  Xaúl dixo: —“Pequei. Volve, David, meu fillo. Non seguirei facéndoche mal, pois ti respectaches hoxe a miña vida. Comporteime coma un parvo. Estaba moi enganado”. 22  David respondeulle: —“Aquí está a lanza do rei. Que veña un dos teus homes recollela. 23  Que o Señor lle teña en conta a cada un a súa xustiza e a súa lealdade. Hoxe púxote El nas miñas mans; pero eu non ousei erguelas contra o unxido do Señor. 24  E como eu valorei hoxe a túa vida, que valore o Señor a miña e me libre de tódolos apretos”. 25  Xaúl díxolle a David: —“Bendito sexas, David, meu fillo. En todo o que te propoñas, terás éxito”. Despois diso, David seguiu o seu camiño e Xaúl volveuse ó seu lugar.

Notas ó pé