Libro Segundo das Crónicas 10:1-19
10 Roboam foi a Xequem porque todo Israel acudira alí para proclamalo rei.
2 Cando o soubo Ieroboam, fillo de Nabat —que estaba en Exipto, a onde fora fuxindo do rei Salomón—, volveu de Exipto,
3 porque o mandaran chamar. Ieroboam e todo Israel falaron a Roboam:
4 —“Teu pai impúxonos un xugo pesado. Alixeira agora a dura servidume á que nos suxeitou teu pai e o xugo pesado que nos botou encima, e servirémoste”.
5 E díxolles:
—“Volvede dentro de tres días”.
Eles fóronse,
6 e o rei Roboam consultou os anciáns que estiveran ó servicio do seu pai, Salomón, mentres vivía:
—“¿Que me aconsellades que responda a esa xente?”
7 Dixéronlle:
—“Se te portas ben con este pobo, condescendes con eles e lles respondes con boas palabras, serán servos teus de por vida”.
8 Pero el rexeitou o consello dos anciáns e consultou os mozos que se educaran con el e estaban ó seu servicio.
9 Preguntoulles:
—“Esta xente pídeme que lles alixeire o xugo que lles botou encima meu pai. ¿Que me aconsellades que lles responda?”
10 Os mozos que se educaran con el respondéronlle:
—“Así que esa xente che dixo: Teu pai impúxonos un xugo pesado, alixéiranolo. Pois ti dilles isto: O meu dedo meimiño é máis groso cá cintura do meu pai.
11 Se meu pai vos cargou cun xugo pesado, eu aumentaréivo-la carga: se meu pai vos castigou con azoutes, eu castigareivos coa tralla”.
12 Ó terceiro día, data sinalada polo rei, Ieroboam e todo o pobo foron ver a Roboam.
13 O rei respondeulles asperamente, rexeitou o consello dos anciáns e
14 faloulles seguindo o consello dos mozos:—“Se meu pai vos impuxo un xugo pesado,eu aumentaréivolo;se meu pai vos castigou con azoutes,eu fareino coa tralla”.
15 De maneira que o rei non fixo caso ó pobo, porque era unha ocasión buscada polo Señor para que se cumprise a palabra do Señor que Ahías, o de Xiloh, comunicou a Ieroboam, fillo de Nabat.
16 Vendo os israelitas que o rei non lles facía caso, respondéronlle:
—“¿Que é o que repartimos nós con David?
¡Non fixemos partilla co fillo de Ixaí!
¡Ás túas tendas, Israel!
¡Agora, David, a coidar da túa casa!”
Os de Israel marcharon á casa,
17 aínda que os israelitas que vivían nas poboacións de Xudá seguiron sometidos a Roboam.
18 O rei Roboam enviou entón a Adoram, encargado das brigadas de traballadores, pero os israelitas emprendérona a pedradas con el ata matalo, mentres o rei montaba á présa na súa carroza para fuxir a Xerusalén.
19 Así foi como se independizou Israel da casa de David, ata hoxe.