Libro Segundo das Crónicas 13:1-22

13  Abías subiu ó trono de Xudá o ano dezaoito do reinado de Ieroboam.  Reinou tres anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Micaías, e era filla de Uriel, o de Guibah. Houbo guerra entre Abías e Ieroboam.  Abías emprendeu a guerra cun exército de catrocentos mil soldados aguerridos. Ieroboam fíxolle fronte con oitocentos mil soldados aguerridos.  Abías situouse no cume do monte Semaraim, na serra de Efraím, e berrou: —“Ieroboam, israelitas, escoitádeme:  ¿Acaso non sabedes que o Señor, Deus de Israel, con pacto de sal, concedeulle a David e ós seus descendentes o trono de Israel para sempre?  A pesar diso, Ieroboam, fillo de Nabat, empregado de Salomón, fillo de David, rebelouse contra o seu señor,  rodeándose de xente desocupada e sen escrúpulos, que se impuxeron a Roboam, fillo de Salomón, aproveitándose de que non podía dominalos por ser novo e débil de carácter.  Agora propódesvos facer fronte ó reino do Señor, administrado polos descendentes de David. Vós sodes moi numerosos, tedes convosco os ídolos que vos fixo Ieroboam, os becerros de ouro;  expulsáste-los aharonitas, sacerdotes do Señor, e os levitas; fixéstesvos sacerdotes, coma os pobos pagáns: a calquera que traia un becerro e sete carneiros ordenádelo sacerdote dos falsos deuses. 10  En canto a nós, o Señor é o noso Deus e non o abandonamos; os sacerdotes que serven ó Señor son os aharonitas, e os encargados do culto os levitas; 11  ofrecen ó Señor holocaustos matutinos e vespertinos e perfumes recendentes, presentan os pans sobre a mesa pura e acenden tódalas tardes o candelabro de ouro e as súas lámpadas, porque nós observámo-las prescricións do Señor, o noso Deus, a quen vós abandonastes. 12  Sabede que Deus está connosco na vangarda. Os seus sacerdotes darán coas trompetas o toque de guerra contra vós. Israelitas, non loitedes contra o Señor, Deus de vosos pais, porque non poderedes vencer”. 13  Mentres tanto, Ieroboam dispuxo un destacamento para pillalos de costas. O groso do exército quedou diante dos de Xudá e o destacamento á súa espalda. 14  Os xudeus, ó volvérense, observaron que os atacaban por diante e pola espalda. Entón clamaron ó Señor, os sacerdotes tocaron as trompetas, 15  a tropa lanzou o berro de guerra, e naquel momento Deus derrotou a Ieroboam e ós israelitas ante Abías e Xudá. 16  Os israelitas fuxiron ante os xudeus e o Señor entregounos nas súas mans. 17  Abías e a súa tropa inflixíronlles unha gran derrota, caendo mortos cincocentos mil soldados de Israel. 18  Naquela ocasión os israelitas quedaron humillados, mentres os de Xudá se fixeron fortes por apoiárense no Señor, Deus de seus pais. 19  Abías perseguiu a Ieroboam e arrebatoulle algunhas cidades: Betel e o seu distrito, Iexanah e o seu distrito, Efrón e seu distrito. 20  Ieroboam non conseguiu recuperarse nos tempos de Abías; o Señor feriuno e morreu. 21  Abías, polo contrario, fíxose cada vez máis forte. Tivo catorce mulleres e enxendrou vintedous fillos e dezaseis fillas. 22  As restantes fazañas de Abías, a súa conducta e as súas empresas, áchanse escritas no comentario do profeta Idó.

Notas ó pé