Libro Segundo das Crónicas 14:1-15

14  (13:23) Cando morreu enterrárono na cidade de David, e sucedeulle no trono o seu fillo Asá. No tempo deste o país gozou de paz durante dez anos.  (14:1) Asá fixo o que o Señor, o seu Deus, aproba e estima.  (14:2) Suprimiu os altares estranxeiros e as ermidas dos outeiros, destrozou as estelas e cortou os cipos.  (14:3) Animou a Xudá a servi-lo Señor, Deus de seus pais, e a observa-la lei e os preceptos.  (14:4) Suprimiu as ermidas dos outeiros e os cipos en tódalas cidades de Xudá. O reino gozou de paz na súa época.  (14:5) Aproveitando esta paz que lle concedeu o Señor, a calma que reinaba no país e a ausencia de guerras durante aqueles anos, construíu fortalezas en Xudá.  (14:6) Para iso propúxolles ós xudeus: —“Podemos dispór libremente do país porque servímo-lo Señor, noso Deus, e El concedeunos paz cos veciños. Imos construír estas cidades e rodealas de murallas con torres, portas e cerrollos”. Así o fixeron con pleno éxito.  (14:7) Asá dispuxo dun exército de trescentos mil xudeus, armados de escudo e lanza, e vinteoito mil benxaminitas, armados de adarga e arco. Todos eran bos soldados.  (14:8) Zérah de Cux saíu ó seu encontro cun exército dun millón de homes e trescentos carros. Cando chegou a Marexah, 10  (14:9) Asá fíxolle fronte e entaboaron batalla no val de Safatah, onda Marexah. 11  (14:10) Asá invocou ó Señor, seu Deus: —“Señor, cando queres axudar non distingues entre poderosos e febles. Axúdanos, Señor, noso Deus, que en Ti nos apoiamos e no teu nome nos diriximos contra esa multitude. Ti e-lo noso Deus. Non te deixes vencer por un home”. 12  (14:11) O Señor derrotou os cuxitas ante Asá e Xudá. Os cuxitas fuxiron; 13  (14:12) pero Asá perseguiunos coa súa tropa a Guerar. O Señor e as súas hostes destrozáronos. Morreron tantos cuxitas, que non se puideron refacer. O botín foi enorme. 14  (14:13) Aproveitando que os poboados da bisbarra de Guerar eran presa dun pánico sagrado, asaltáronos e saqueáronos porque había neles gran botín. 15  (14:14) Mataron tamén a uns pastores e volveron a Xerusalén con gran cantidade de ovellas e camelos.

Notas ó pé