Libro Segundo das Crónicas 15:1-19
15 O Espírito do Señor veu sobre Azarías, fillo de Oded.
2 Saíu ó encontro de Asá e díxolle:
—“Escoitádeme, Asá, Xudá e Benxamín: se estades co Señor, El estará convosco; se o buscades, deixarase encontrar; pero se o abandonades, abandonaravos.
3 Durante moitos anos Israel viviu sen Deus verdadeiro, sen sacerdote que o instruíse, sen lei.
4 Pero no perigo volveron ó Señor, Deus de Israel; buscárono e El deixouse encontrar.
5 Naqueles tempos ninguén vivía en paz, tódolos habitantes do país sufrían grandes turbacións.
6 Pobos e cidades destruíanse mutuamente porque o Señor os turbaba con toda clase de perigos.
7 Pero vós cobrade ánimo, non desfalezades, que as vosas obras terán a súa recompensa”.
8 Cando Asá escoitou esta profecía de Azarías, fillo de Oded, animouse a suprimi-los ídolos de todo o territorio de Xudá e Benxamín, e das cidades que conquistara na serra de Efraím, e reparou o altar do Señor que se achaba diante do adro.
9 Logo reuniu ós xudeus, ós benxaminitas e ós de Efraím, Menaxés e Simeón, que residían entre eles porque moitos israelitas se pasaran ó seu bando ó veren que o Señor, seu Deus, estaba con el.
10 Reuníronse en Xerusalén en maio do ano quince do reinado de Asá.
11 Sacrificaron ó Señor setecentos touros e sete mil ovellas do botín que trouxeran,
12 e fixeron un pacto, comprometéndose a servi-lo Señor, Deus de seus pais, con todo o corazón e con toda a alma,
13 e a condenar a morte a todo o que non o gardase, grande ou pequeno, home ou muller.
14 Así o xuraron ó Señor a grandes voces, entre clamores e ó son de trompetas e cornos.
15 Todo Xudá festexou o xuramento e fixérono de corazón, buscando o Señor con sincera vontade; El deixouse encontrar por eles e concedeulles paz cos seus veciños.
16 O rei Asá quitoulle o título da raíña nai a súa nai, Macah, porque fixera unha imaxe de Axtarté. Destrozou a imaxe, reduciuna a po e queimouna no torrente Cedrón.
17 Non desapareceron de Israel as ermidas dos outeiros, pero o corazón de Asá pertenceu integramente ó Señor durante toda a súa vida.
18 Levóu ó templo as ofrendas de seu pai e as súas propias: prata, ouro e utensilios.
19 Nos trinta e cinco primeiros anos do seu reinado, non houbo guerras.