Libro Segundo das Crónicas 19:1-11

19  Ioxafat de Xudá volveu san e salvo ó palacio de Xerusalén.  Pero o vidente de Iehú, fillo de Hananí, saíulle ó encontro e díxolle: —“¿Conque axudas ós malvados e alíaste cos inimigos do Señor? O Señor indignouse contigo por iso.  Pero contas tamén con boas accións: queimáche-las estelas deste país e serviches a Deus con constancia”.  Ioxafat estableceu a súa residencia en Xerusalén, pero volveu visita-lo pobo, desde Beerxeba ata a terra de Efraím, e converténdoo ó Señor, Deus de seus pais.  Estableceu xuíces en cada unha das fortalezas do territorio de Xudá e advertiulles:  —“Coidado co que facedes, porque non xulgaredes con autoridade de homes, senón coa de Deus, que estará convosco cando pronunciedes sentencia.  Polo tanto, temede ó Señor e procedede con coidado. Porque o Señor, o noso Deus, non admite inxustizas, favoritismos nin subornos”.  Tamén en Xerusalén designou algúns levitas, sacerdotes de cabezas de familia, para que se encargasen do dereito divino e dos preitos dos habitantes de Xerusalén.  Deulles esta orde: —“Actuade con temor de Deus, con honradez e integridade. 10  Cando vosos irmáns que habitan nas cidades vos presenten un caso de asasinato, ou ben vos consulten sobre leis, preceptos, mandatos ou decretos, instruídeos para que non se fagan culpables ante o Señor e non se derrame a súa cólera sobre vós e vosos irmáns. Se actuades así estaredes libres de culpa. 11  O sumo sacerdote Amarías presidirá as causas relixiosas, e Zebadías, fillo de Ismael, xefe da casa de Xudá, as civís. Os levitas estarán ó voso servicio. Ánimo, a traballar, e que o Señor estea cos homes de ben”.

Notas ó pé