Libro Segundo das Crónicas 21:1-20

21  Morreu Ioxafat e enterrárono cos seus antepasados na Cidade de David. Seu fillo Ioram sucedeulle no trono.  Tiña varios irmáns por parte do pai: Azarías, Iehiel, Zacarías, Azarías, Miguel e Safatías, todos eles fillos de Ioxafat de Xudá.  Seu pai legoulles gran cantidade de prata, ouro e obxectos de valor, ademais de fortalezas en Xudá; pero o trono deixoullo a Ioram por se-lo primoxénito.  Cando se afianzou no trono de seu pai, asasinou a tódolos seus irmáns e tamén a algúns xefes de Israel.  Tiña trinta e dous anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén oito anos.  Imitou a conducta do rei de Israel, e as accións da casa de Ahab, porque casou cunha filla deste. Fixo o que o Señor reproba.  Pero o Señor non quixo destruí-la casa de David, a causa do pacto que fixera con David, e porque prometera manter sempre acesa a súa lámpada e a de seus fillos.  No seu tempo, Edom independizouse de Xudá e nomeou un rei.  Ioram foi cos seus xenerais e tódolos seus carros, levantouse de noite, e aínda que desbaratou o exército idumeo, que o envolvera a el e ós oficiais do escuadrón de carros, 10  Edom independizouse de Xudá ata hoxe; tamén Libnah conseguiu daquela a independencia. Isto ocorreu por abandonar ó Señor, Deus de seus pais. 11  Levantou ermidas nos outeiros das cidades de Xudá, induciu á idolatría ós habitantes de Xerusalén e descarriou a Xudá. 12  O profeta Elías mandoulle dicir por escrito: —“Así di o Señor, Deus de teu pai David: por non imitáre-la conducta de teu pai, Ioxafat, e a de Asá, rei de Xudá, 13  senón a conducta dos reis de Israel; por fomentáre-la idolatría en Xudá e entre os habitantes de Xerusalén, copiando as prácticas idolátricas da casa de Ahab, e por asasinares ós teus irmáns, da casa de teu pai, que valían todos máis ca ti, 14  o Señor ferirá ó teu pobo, a teus fillos, as túas mulleres e as túas posesións cunha praga terrible. 15  E ti mesmo padecerás unha enfermidade grave, un cancro que che consumirá as entrañas día tras día”. 16  O Señor atizou contra Ioram a hostilidade dos filisteos e dos árabes que habitaban onda os cuxitas. 17  Subiron a Xudá, invadírona e levaron consigo tódalas riquezas que encontraron no palacio así como as mulleres e fillos. Só lle quedou o máis novo, Ioacaz. 18  Despois disto, o Señor feriulle as entrañas cunha doenza incurable. 19  Pasaron os días e ó cabo de dous anos a enfermidade consumiulle as entrañas; morreu entre atroces dores. O seu pobo non lle encendeu unha larada, como fixera cos seus predecesores. 20  Tiña trinta e dous anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén oito anos. Desapareceu sen que ninguén o chorase. Enterrárono na Cidade de David, pero fóra do panteón real.

Notas ó pé