Libro Segundo das Crónicas 23:1-21
23 O ano sétimo Iehoiadá armouse de valor e reuniu os centurións: Azarías, fillo de Ieroham, Ismael, fillo de Iohomán, Azarías, fillo de Obed, Maseías, fillo de Adaías, e Elixafat, fillo de Zicrí. Xuramentouse con eles e percorreron Xudá
2 congregando os levitas de tódalas cidades e os cabezas de familia de Israel. Cando regresaron a Xerusalén,
3 toda a asemblea fixo no templo un pacto co rei. Logo díxolles:
—“Debe reinar un fillo do rei, como prometeu o Señor á descendencia de David.
4 Ides face-lo seguinte: O tercio de vós, sacerdotes e levitas, que entra de servicio o sábado, fará garda nas portas;
5 outro tercio ocupará o palacio e o último tercio a Porta do Fundamento. O pobo situarase nos adros do templo.
6 Pero que ninguén entre no templo, a excepción dos sacerdotes e os levitas de servicio. Eles pódeno facer porque están consagrados; pero o pobo deberá observa-las prescricións do Señor.
7 Os levitas rodearán o rei por todas partes, arma en man. Se alguén quere entrar no palacio, matádeo. E estade a carón do rei, vaia onda vaia”.
8 Os levitas e os xudeus fixeron o que lles mandou o sacerdote Iehoiadá. Cada un reuniu os seus homes, os que estaban de servicio o sábado e os que quedaban libres, porque o sacerdote Iehoiadá non exceptuou ningunha das seccións.
9 O sacerdote Iehoiadá entregoulles ós oficiais as lanzas, escudos e adargas do rei David, que se gardaban no templo.
10 Colocou a todo o pobo con armas curtas, desde o ángulo sur ata o ángulo norte do templo, entre o altar e o templo, para protexe-lo rei.
11 Entón trouxeron ó príncipe, colocáronlle a diadema e as insignias, proclamárono rei, e Iehoiadá e seus fillos unxírono, aclamando:
—“¡Viva o rei!”.
12 Atalía oíu o clamor da tropa que corría e aclamaba ó rei e foi cara á xente, ó templo.
13 Pero cando viu o rei en pé sobre o estrado, na entrada, e os oficiais e a banda a carón do rei, toda a poboación en festa, as trompetas tocando e os cantores acompañando os cánticos de louvanza cos seus instrumentos, rachou as vestiduras e dixo:
—“¡Traición, traición!”.
14 O sacerdote Iehoiadá ordenou ós oficiais que mandaban as forzas:
—“Sacádea do adro. A quen a siga, matádeo”.
Pois non quería que a matasen no templo.
15 Fórona empuxando coas mans, e cando chegaba a palacio pola Porta das Cabalerías, alí mesmo a mataron.
16 Iehoiadá selou un pacto con todo o pobo e co rei para que fose o pobo do Señor.
17 Toda a poboación dirixiuse logo ó templo de Baal: destruírono, derrubaron os seus altares e as súas imaxes, e a Matán, sacerdote de Baal, degolárono ante o altar.
18 Iehoiadá puxo gardas no templo, ás ordes dos sacerdotes e levitas que David distribuíra na casa de Deus para ofreceren holocaustos ó Señor —segundo o manda a lei de Moisés— con alegría e con cánticos compostos por David.
19 Puxo porteiros nas portas do templo para que non entrase absolutamente nada impuro.
20 Logo, cos centurións, os notables, as autoridades e todo o vecindario, sacaron do templo ó rei, e levárono ó palacio pola Porta Superior e instalárono no trono real.
21 Toda a poboación fixo festa e a cidade quedou tranquila. A Atalía matárana a espada.