Libro Segundo das Crónicas 24:1-27
24 Ioax tiña sete anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén corenta anos. Súa nai chamábase Sibías e era natural de Beerxeba.
2 Mentres viviu o sacerdote Iehoiadá, fixo o que o Señor aproba.
3 Iehoiadá procuroulle dúas mulleres e enxendrou fillos e fillas.
4 Máis tarde, Ioax sentiu desexos de restaura-lo templo.
5 Reuniu os sacerdotes e os levitas, e díxolles:
—“Ide polas cidades de Xudá recollendo diñeiro de todo Israel para reparardes tódolos anos o templo do voso Deus. Dádevos présa”.
Pero os levitas tomárono con calma.
6 Entón o rei chamou ó sumo sacerdote Iehoiadá e díxolle:
—“¿Por que non te preocupaches de que os levitas cobren en Xudá e Xerusalén o tributo imposto por Moisés, servo do Señor, e pola comunidade de Israel para a tenda da alianza?
7 ¿Non te dás conta de que a malvada Atalía e os seus secuaces destrozaron o templo e dedicaron ós baales tódolos obxectos sagrados do mesmo?”.
8 Entón, por orde do rei, fixeron unha hucha e colocárona na porta do templo por fóra.
9 Logo pregoaron por Xudá e Xerusalén que había que ofrecer ó Señor o tributo que Moisés, servo de Deus, impuxera a Israel no deserto.
10 As autoridades e a poboación fixérono de boa gana e botaron diñeiro ata que se encheu a hucha.
11 Cada vez que os levitas levaban a hucha á inspección real e vían que había moito diñeiro, presentábanse un secretario do rei e un inspector do sumo sacerdote, libraban a hucha e volvían colocala no seu sitio. Así o fixeron periodicamente, reunindo unha gran suma de diñeiro.
12 O rei e Iehoiadá entregábano ós capataces da obra do templo, e estes pagaban os canteiros e carpinteiros que restauraban o templo e os ferreiros e broncistas que o reparaban.
13 Os obreiros fixeron a súa tarefa; baixo as súas mans foi rexurdindo a estructura, ata que levantaron solidamente o templo segundo os planos.
14 Ó terminaren, devolveron ó rei e a Iehoiadá o diñeiro sobrante, co que fixeron obxectos para o templo, utensilios para o culto e para os holocaustos, copas e obxectos de ouro e prata. Mentres vivíu Iehoiadá ofreceron holocaustos regulares no templo.
15 Este chegou a vello e morreu en idade avanzada, ós cento trinta anos.
16 Enterrárono cos reis na Cidade de David, porque foi bo con Israel, con Deus e co seu templo.
17 Cando morreu Iehoiadá, as autoridades de Xudá foron render homenaxe ó rei, e este seguiu os seus consellos;
18 esquecendo o templo do Señor, Deus de seus pais, deron culto ás estelas e ós ídolos. Este pecado desencadeou a cólera de Deus contra Xudá e Xerusalén.
19 Mandoulles profetas para convertelos, pero non fixeron caso das súas amoestacións.
20 Entón o Espírito de Deus apoderouse de Azarías, fillo do sacerdote Iehoiadá, que se presentou ante o pobo e lle dixo:
—“Así fala Deus: ¿Por que quebrantáde-los preceptos do Señor? Ides á ruína. Abandonáste-lo Señor e El abandónavos”.
21 Pero conspiraron contra el e lapidárono no adro do templo por orde do rei.
22 O rei Ioax, sen ter en conta os beneficios recibidos de Iehoiadá, matoulle o fillo, que morreu dicindo:
—“¡Que o Señor xulgue e sentencie!”
23 Ó cabo dun ano, un exército de Siria dirixiuse contra Ioax, penetrou en Xudá ata Xerusalén, matou a tódolos xefes do pobo e remesou todo o botín ó rei de Damasco.
24 O exército de Siria era reducido, pero o Señor entregoulle un exército enorme porque o pobo abandonara ó Señor, Deus de seus pais. Vingáronse así de Ioax.
25 Ó retirárense os sirios, deixándoo gravemente ferido, os seus cortesáns conspiraron contra el para vinga-lo fillo do sacerdote Iehoiadá. Asasinárono na cama e morreu. Enterrárono na Cidade de David, pero non lle deron sepultura no panteón real.
26 Os conspiradores foron: Zabah, fillo de Ximat, a amonita, e Iehozabad, fillo de Ximrit, a moabita.
27 Para o referente a seus fillos, ás numerosas profecías contra el e á restauración do templo, véxase o comentario dos Anais dos Reis. O seu fillo Amasías sucedeulle no trono.