Libro Segundo das Crónicas 25:1-28

25  Amasías tiña vintecinco anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén vintenove anos. Súa nai chamábase Iehoadán e era natural de Xerusalén.  Fixo o que o Señor aproba, aínda que non de todo corazón.  Cando se afianzou no poder, matou ós ministros que asasinaran a seu pai.  Pero non matou a seus fillos, conforme o libro da Lei de Moisés promulgada polo Señor: —“Non serán executados os pais polas culpas dos fillos, nin os fillos polas culpas dos pais; cada un morrerá polo seu propio pecado”.  Amasías reuniu ós de Xudá e puxo a tódolos xudeus e benxaminitas, por familias, ás ordes de xefes e oficiais. Fixo o censo dos maiores de vinte anos; resultaron trescentos mil en idade militar e equipados de espada e escudo.  Recrutou en Israel cen mil mercenarios por cen pesos de prata.  Pero un profeta presentouse ante el e díxolle: —“Maxestade, non leves contigo o destacamento de Israel, que o Señor non está cos efraimitas.  Se te apoias neles, Deus derrotarate fronte ós teus inimigos. Porque Deus pode da-la victoria e a derrota”.  Amasías preguntou ó profeta: —“¿E que pasa cos cen pesos de prata que dei ó destacamento de Israel?” O profeta contestoulle: —“O Señor pódechos devolver superabundantemente”. 10  Amasías licenciou a tropa procedente de Efraím para que volvese á súa terra. Eles indignáronse con Xudá e volvéronse para os seus lugares, enfurecidos. 11  Amasías armouse de valor, tomou o mando da tropa, marchou ó Val do Sal e matou a dez mil seiritas. 12  A outros dez mil colleunos vivos, levounos ó cume da rocha e chimpounos desde ela. Morreron todos desfeitos. 13  Mentres, o destacamento que licenciara Amasías para que non loitase ó seu lado, dispersouse polas cidades de Xudá —desde Samaría ata Bethorón—, matando a tres mil persoas e capturando un gran botín. 14  Cando Amasías volveu de derrotar ós idumeos, trouxo consigo os deuses dos seiritas, adoptounos coma deuses propios, adorounos e queimoulles incenso. 15  O Señor indignouse con Amasías e mandoulle un profeta que lle dixo: —“¿Por que serves a uns deuses que non puideron salva-lo seu pobo da túa man?” 16  Amasías cortouno en seco, dicíndolle: —“¿Quen te fixo conselleiro do rei? Cala dunha vez, se non queres que te maten”. O profeta terminou con estas palabras: —“Polo que fixeches e por non escoitáre-lo meu consello, estou certo de que Deus aconsella a túa destrucción”. 17  Despois de se aconsellar, Amasías de Xudá mandou unha embaixada a Ioax, fillo de Ioacaz, de Iehú, rei de Israel, con esta mensaxe: —¡Sae, que nos vexámo-las caras! 18  Pero Ioax de Israel mandou esta resposta a Amasías de Xudá: —“O cardo do Líbano mandou dicir ó cedro do Líbano: Dáme a túa filla por esposa de meu fillo. Pero pasaron as feras e esmagaron o cardo. 19  Ti dis: Derrotei a Edom, e enchícheste de fachenda. Disfruta da túa gloria ficando na casa. ¿Por que te queres meter nunha guerra catastrófica provocando a túa caída e a de Xudá?” 20  Pero Amasías non fixo caso, porque Deus quería entregalo nas mans de Ioax por servi-los deuses de Edom. 21  Entón Ioax de Israel subiu ó encontro de Amasías de Xudá en Bet-Xémex de Xudá. 22  Israel derrotou ós xudeus, que fuxiron á desbandada. 23  En Bet-Xémex apreixou Ioax de Israel a Amasías de Xudá, fillo de Ioax de Ioacaz, e levouno a Xerusalén. Na muralla de Xerusalén abriu unha brecha de douscentos metros, desde a Porta de Efraím ata a porta do Ángulo. 24  Apoderouse do ouro, prata, os utensilios que se achaban no templo ó coidado de Obededom, os tesouros de palacio e os reféns, e volveu a Samaría. 25  Amasías de Xudá, fillo de Ioax, sobreviviu quince anos a Ioax de Israel, fillo de Ioacaz. 26  Para máis datos sobre Amasías, desde o principio ata a fin do seu reinado, véxase o libro dos Reis de Xudá e Israel. 27  Cando Amasías se apartou do Señor, tramaron contra el unha conspiración en Xerusalén; fuxiu a Láquix, pero perseguírono ata Láquix e matárono alí. 28  Cargárono sobre uns cabalos e enterrárono cos seus antepasados na capital de Xudá.

Notas ó pé