Libro Segundo das Crónicas 28:1-27

28  Cando subiu ó trono Ahaz tiña vinte anos e reinou en Xerusalén dezaseis anos. Non fixo, coma o seu antepasado David, o que o Señor aproba.  Imitou ó rei de Israel, facendo estatuas ós baales.  Queimaba incenso no val de Ben-Hinnom e incluso sacrificou a seu fillo na fogueira, segundo costume aborrecible das nacións que o Señor expulsara ante os israelitas.  Sacrificaba e queimaba incenso nos outeiros, nas colinas e baixo as árbores frondosas.  O Señor, seu Deus, entregouno nas mans do rei sirio, que o derrotou, capturou numerosos prisioneiros e levounos a Damasco. Tamén o entregou nas mans do rei de Israel, que lle inflixiu unha gran derrota.  Pécah, fillo de Romelías, matou nun só día a cento vinte mil xudeus, pois abandonaron o Señor, Deus de seus pais.  E Zicrí, un soldado de Efraím, matou a Maseías, fillo do rei, a Azricam, maiordomo do palacio, e ó primeiro ministro Elcanah.  Entre mulleres, fillos e fillas, os israelitas colleron a seus irmáns douscentos mil prisioneiros; apoderáronse tamén dun gran botín e levárono a Samaría.  Había alí un profeta do Señor, chamado Oded. Cando o exército volvía a Samaría, saíu ó seu encontro e díxolles: —“O Señor, Deus de vosos pais, indignado con Xudá, púxoo nas vosas mans. Pero a saña con que os matastes clama ó ceo. 10  E por riba propódesvos converter en escravos e escravas os habitantes de Xudá e Xerusalén. ¿Non pecastes xa bastante contra o Señor, voso Deus? 11  Facédeme caso e devolvede os vosos irmáns que collestes prisioneiros, porque vos ameaza a ardente cólera do Señor”. 12  Algúns xefes efraimitas —Azarías, fillo de Iohanán, Berequías, fillo de Mexilemot, Ezequías, fillo de Xalum, e Amasá, fillo de Hadlai—, puxéronse tamén en contra do exército que volvía, 13  e dixéronlles: —“Non metades aquí eses prisioneiros, porque seriamos reos ante o Señor. Bastante pecamos xa para que vos dediquedes a aumenta-las nosas faltas e culpas irritando ó Señor contra Israel”. 14  Entón os soldados deixaron os prisioneiros e o botín á disposición das autoridades e da comunidade. 15  Designaron expresamente a algúns para que se fixesen cargo dos cativos. Ós que estaban espidos vestíronos con traxes e sandalias do botín; logo déronlles de comer e beber, unxíronos, montaron en burros ós que non podían camiñar e leváronos a Iericó, a cidade das palmeiras, cos seus irmáns. A continuación volvéronse a Samaría. 16  Por entón, o rei Ahaz mandou unha embaixada ó rei de Asiria para pedirlle axuda. 17  Os idumeos fixeran unha nova incursión, derrotando a Xudá e collendo prisioneiros. 18  Os filisteos saquearon as cidades da Xefelah e do Négueb de Xudá, apoderándose de Bet-Xémex, Aiabón, Guederot, Socó e a súa comarca, Timnah e a súa comarca, Guimzó e a súa comarca, establecéndose nelas. 19  O Señor humillaba a Xudá por culpa de Ahaz, que trouxera o desenfreo a Xudá, e mostrábase rebelde ó Señor. 20  Pero Teglat Peléser, rei de Asiria, en vez de axudalo, marchou contra el e sitiouno. 21  E aínda que Ahaz espoliou o templo, o palacio e as casas das autoridades para gaña-la vontade do rei, non lle serviu de nada. 22  Incluso durante o asedio seguiu rebelándose contra o Señor. 23  Ofreceu sacrificios ós deuses de Damasco que o derrotaran, pensando: —“Os deuses de Siria si que axudan ós seus reis. Ofrecereilles sacrificios para que me axuden a min”. Pero foron a súa ruína e a de Israel. 24  Ahaz reuniu os obxectos do templo e fíxoos pedazos; pechou as portas do templo, construíu altares en tódolos recantos de Xerusalén 25  e levantou ermidas en tódalas cidades de Xudá para queimar incenso a deuses estraños, irritando ó Señor, Deus de seus pais. 26  Para as súas restantes actividades e empresas, do principio á fin do seu reinado, véxase o libro dos Reis de Xudá e Israel. 27  Cando Ahaz morreu, non o levaron ó panteón real de Xudá, senón que o enterraron na cidade, en Xerusalén. O seu fillo Ezequías sucedeuno no trono.

Notas ó pé