Libro Segundo das Crónicas 33:1-25

33  Menaxés tiña doce anos cando subiu ó trono, e reinou en Xerusalén cincuenta e cinco anos.  Fixo o que o Señor reproba, imitando os costumes abominables das nacións que o Señor expulsara ante os israelitas.  Reconstruíu as ermidas dos outeiros derruídas por seu pai Ezequías, levantou altares ós baales, erixiu estelas, adorou e deu culto a todo o exército do ceo;  puxo altares no templo do Señor, do que o Señor dixera: —“O meu nome estará en Xerusalén por sempre”;  edificou altares a todo o exército do ceo nos dous adros do templo,  queimou os seus fillos no val de Ben-Hinnom: practicou a adiviñación, a maxia e a feiticería, e instituíu nigromantes e adiviños. Facía continuamente o que o Señor reproba, alporizándoo.  A imaxe do ídolo que fabricara colocouna no templo de Deus, do que Deus dixera a David e ó seu fillo Salomón: —“Neste templo e en Xerusalén, que elixín entre tódalas tribos de Israel, poñerei o meu nome por sempre;  xa non deixarei que Israel ande lonxe da terra que asignei a vosos pais, a condición de que poñan por obra canto lles mandei, seguindo a Lei, os preceptos e normas de Moisés”.  Pero Menaxés descamiñou a Xudá e a poboación de Xerusalén para que se portase peor cás nacións que o Señor exterminara ante os israelitas. 10  O Señor dirixiu a súa palabra a Menaxés e ó seu pobo, pero non lle fixeron caso. 11  Entón fixo vir contra eles os xenerais do rei de Asiria, que apresaron a Menaxés con garfos, atárono con cadeas de bronce e conducírono a Babilonia. 12  Na súa angustia procurou aplacar ó Señor seu Deus, e humillouse profundamente ante o Deus de seus pais e suplicoulle. 13  O Señor atendeuno con benignidade, escoitou a súa súplica e fíxoo volver a Xerusalén, ó seu reino. Menaxés recoñeceu que o Señor é o verdadeiro Deus. 14  Máis tarde construíu unha barbacá na Cidade de David, desde o oeste de Guihón, no torrente, ata a Porta do Peixe, rodeando o Ofel. Fíxoa moi alta. Puxo oficiais en tódalas fortalezas de Xudá. 15  Suprimiu do templo os deuses estranxeiros e o ídolo, e guindou fóra da cidade tódolos altares que construíra no monte do templo e en Xerusalén. 16  Restaurou o altar do Señor e inmolou sobre el sacrificios de comuñón e de acción de gracias. E ordenou que os xudeus desen culto ó Señor, Deus de Israel. 17  Pero o pobo seguiu sacrificando nas ermidas dos outeiros, aínda que só ó Señor, seu Deus. 18  Para máis datos sobre Menaxés, a oración que fixo e os oráculos dos videntes que lle falaban no nome do Señor, Deus de Israel, véxase a historia dos Reis de Israel. 19  A súa oración e a acollida divina, o seu pecado e a súa rebeldía, os lugares onde levantou ermidas e erixiu estelas e ídolos antes da súa conversión, están rexistrados na historia dos seus videntes. 20  Cando morreu Menaxés, enterrárono na súa casa. O seu fillo Amón sucedeuno no trono. 21  Amón tiña vintedous anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén dous anos. 22  Fixo o que o Señor reproba, igual ca seu pai, Menaxés. Amón sacrificou e deu culto a tódolos ídolos que fixo seu pai, Menaxés. 23  Pero non se humillou ante o Señor como fixera seu pai; ó contrario, mutiplicou as súas culpas. 24  Os seus cortesáns conspiraron contra el e asasinárono no palacio. 25  Pero a poboación matou os conspiradores contra o rei Amón e nomearon rei sucesor a Ioxías, fillo de Amón.

Notas ó pé