Libro Segundo das Crónicas 34:1-33

34  Cando Ioxías subiu ó trono tiña oito anos e reinou en Xerusalén trinta e un.  Fixo o que o Señor aproba. Imitou a conducta do seu antepasado David, sen se desviar á dereita nin esquerda.  No ano oitavo do seu reinado, cando aínda era un rapaz, comezou a servi-lo Deus do seu antepasado David, e o ano doce empezou a purificar a Xudá e a Xerusalén de ermidas, estelas, estatuas e ídolos.  Destruíron na súa presencia os altares dos baales e derrubou os cipos que había sobre eles; as estelas, as estatuas e os ídolos triturounos ata reducilos a po, e espallounos sobre as tumbas dos que lles ofreceran sacrificios.  Queimou sobre os seus altares os ósos dos sacerdotes. Así purificou a Xudá e Xerusalén.  Nas cidades de Menaxés, Efraím, Simeón e ata a de Naftalí, en tódolos seus lugares, destruíu os altares,  triturou ata facer po as estelas e as estatuas e derrubou os cipos en todo o territorio de Israel. Logo volveu a Xerusalén.  O ano dezaoito do seu reinado, cando terminou de purifica-lo país e o templo, mandou a Xafán, fillo de Asalías, ó alcalde Maseías e ó chanceler Ioah, fillo de Ioahaz, a repara-lo templo do Señor, o seu Deus.  Presentáronse ó sumo sacerdote Hilquías, para recolle-lo diñeiro ingresado no templo polas colleitas dos porteiros levitas en Menaxés, Efraím, o resto de Israel e en Xudá, Benxamín e na poboación de Xerusalén. 10  Entregáronllelo ós encargados das obras do templo, e ós mestres de obras que traballaban no templo para reparar e restaura-lo edificio, 11  e ós carpinteiros e albaneis para comprar sillares para os muros e madeira para as vigas dos edificios que os reis de Xudá deixaran arruinar. 12  Aqueles homes realizaron aquel traballo con toda honradez. Estaban designados para dirixi-las obras os levitas Iáhat e Abdías, descendentes de Merarí; e Zacarías e Mexulam, descendentes de Quehat. Os levitas, como sabían tocar diversos intrumentos, 13  acompañaban ós carrexadores e dirixían a tódolos obreiros, calquera que fose a súa tarefa. Outros levitas eran secretarios, inspectores e porteiros. 14  Cando estaban sacando o diñeiro ingresado no templo, o sacerdote Hilquías encontrou o libro da Lei do Señor escrito por Moisés. 15  Entón Hilquías dixo ó cronista Xafán: —“Encontrei no templo o libro da Lei”. 16  E entregoullo a Xafán. Este levoullo ó rei cando foi dar conta da súa tarefa. —“Os teus servos xa fixeron todo o que lles encargaches. 17  Recolleron o diñeiro que había no templo e entregáronllelo ós encargados e ós obreiros”. 18  E comunicoulle a noticia: —“O sacerdote Hilquías deume un libro”. Xafán leuno ante o rei, 19  e cando este oíu o contido da Lei, rachou os vestidos 20  e ordenou a Hilquías, a Ahicam, fillo de Xafán, a Abdón, fillo de Miqueas, ó cronista Xafán e ó funcionario real Asaías: 21  —“Ide consulta-lo Señor por min, polo resto de Israel, e por Xudá, por causa do libro encontrado. O Señor estará enfurecido connosco porque nosos pais non obedeceron a palabra do Señor cumprindo o prescrito neste libro”. 22  Hilquías e os designados polo rei foron ve-la profetisa Huldah, esposa do gardarroupas Xalum, fillo de Tocat, de Haserah, que vivía en Xerusalén, no barrio novo. Expuxéronlle o caso 23  e ela respondeulles: —“Así di o Señor, Deus de Israel: dicídelle a quen vos enviou: 24  Así di o Señor: eu vou trae-la desgracia sobre este lugar e os seus habitantes, tódalas maldicións escritas no libro que leron ante o rei de Xudá. 25  Porque me abandonaron e queimaron incenso a outros deuses, alporizándome cos seus ídolos, está ardendo a miña cólera contra este lugar e non se apagará. 26  E ó rei de Xudá, que vos enviou a consulta-lo Señor, dicídelle: Así di o Señor, Deus de Israel: 27  Por escoitares estas palabras con dor de corazón, humillándote ante Deus ó oíre-las súas ameazas contra este lugar e os seus habitantes, porque te humillaches ante min, racháche-los vestidos e choraches na miña presencia, tamén eu te escoito, oráculo do Señor. 28  Cando eu te reúna con teus pais, enterrarante en paz, sen que os teus ollos cheguen a ve-la desgracia que vou traer a este lugar e ós seus habitantes”. Eles levaron a resposta ó rei, 29  e este deu ordes para que se presentasen os anciáns de Xudá e de Xerusalén. 30  Logo subiu ó templo, acompañado de tódolos xudeus, os habitantes de Xerusalén, os sacerdotes, os levitas e todo o pobo, pequenos e grandes. O rei léulle-lo libro da alianza encontrado no templo. 31  Despois, en pé sobre o seu estrado, selou ante o Señor a alianza, comprometéndose a seguilo e cumpri-los seus preceptos, normas e mandatos con todo o seu corazón e con toda a súa alma, pondo en práctica as cláusulas da alianza escritas neste libro. 32  Fixo suscribi-la alianza a tódolos que se encontraban en Xerusalén. A poboación de Xerusalén actuou segundo a alianza do Deus de seus pais. 33  Ioxías suprimiu as abominacións de tódolos territorios israelitas e fixo que tódolos residentes en Israel desen culto ó Señor, seu Deus. Durante a súa vida non se apartaron do Señor Deus de seus pais.

Notas ó pé