Libro Segundo das Crónicas 35:1-27

35  Ioxías celebrou en Xerusalén a Pascua do Señor, inmolándoa o día catorce do primeiro mes.  Asignou ós sacerdotes as súas funcións e confirmounos no servicio do templo.  E dixo ós levitas consagrados ó Señor, encargados de servir a Israel: —“Deixade a arca santa no templo que construíu Salomón, fillo de David, rei de Israel; non tedes xa que trasladala a ombros. Dedicádevos agora a servir ó Señor, voso Deus, e ó seu pobo Israel.  Organizádevos en turnos por familias, como dispuxeron por escrito o rei David e o seu fillo Salomón.  Ocupade os vosos postos no santuario, dividindo as vosas familias de forma que cada grupo levítico se encargue dunha familia do pobo.  Inmolade a Pascua, purificádevos e preparádellela a vosos irmáns para que poidan cumpri-lo que mandou o Señor por medio de Moisés”.  Ioxías proporcionou á xente años e cabritos —trinta mil en total— para sacrificios pascuais de tódolos presentes, e tres mil bois, todo iso da facenda real.  As autoridades axudaron voluntariamente ó pobo, ós sacerdotes e ós levitas. Hilquías, Zacarías e Iehiel, intendentes do templo, déronlles ós sacerdotes dous mil seiscentos animais pascuais e trescentos bois.  Conanías, Semaías, seu irmán Natanael, Haxabías, Iehiel e Iozabad, xefes dos levitas, proporcionaron ós levitas cinco mil animais pascuais e cincocentos bois. 10  Cando estivo preparada a cerimonia, os sacerdotes ocuparon os seus postos e os levitas distribuíronse por clases, como ordenara o rei. 11  Inmolaron a Pascua. Os sacerdotes rociaban o sangue, mentres os levitas espelicaban as víctimas. 12  Separaban a parte que debía ser queimada e entregábana ás diversas familias do pobo, para que elas a ofrecesen ó Señor, como está escrito no libro de Moisés. O mesmo fixeron cos bois. 13  Asaron a Pascua, como está mandado, e coceron os alimentos sagrados en olas, caldeiros e cazolas, repartíndoos logo a tódolos fillos do pobo. 14  Despois preparárona para eles mesmos e para os sacerdotes; como os sacerdotes aharonitas estiveron ocupados ata a noite en ofrece-los holocaustos e as graxas, os levitas preparárona para si mesmos e para eles. 15  Os cantores, descendentes de Asaf, estaban nos seus postos, como mandaran David, Asaf, Hemán e Iedutún, vidente do rei. Os porteiros ocuparon cadanseu posto, sen necesidade de abandona-lo traballo, porque seus irmáns levitas llelo prepararon todo. 16  Toda a cerimonia se realizou naquel mesmo día: celebrouse a Pascua e inmoláronse holocaustos no altar do Señor, como mandara o rei Ioxías. 17  Os israelitas que se achaban presentes celebraron entón a Pascua e á continuación a festa dos Ázimos durante sete días. 18  Desde os tempos do profeta Samuel, ningún rei de Israel celebrara unha Pascua coma a que organizaron Ioxías, os sacerdotes, os levitas, tódolos xudeus e israelitas que se encontraban alí e os habitantes de Xerusalén. 19  Celebrouse o ano dezaoito do reinado de Ioxías. 20  Bastante despois de que Ioxías restaurase o templo, o rei de Exipto, Nekó, dirixiuse a Kárkemix, xunto ó Éufrates, para presentar batalla. Ioxías saíu a facerlle fronte. 21  Entón Nekó mandoulle esta mensaxe: —“Non te metas nos meus asuntos, rei de Xudá. Non veño contra ti, senón contra a dinastía que me fai a guerra. Deus díxome que me dea présa. Deixa de opórte a Deus, que está comigo, non sexa que él te destrúa”. 22  Pero Ioxías, en vez de deixarlle paso franco, empeñouse en combater, desatendendo o que Deus lle dicía por medio de Nekó, e presentou batalla na chaira de Meguido. 23  Os arqueiros dispararon contra o rei Ioxías, e este dixo ós seus servidores: —“Sacádeme do combate, porque estou gravemente ferido”. 24  Os seus servidores sacárono do carro, trasladárono a outro e levárono a Xerusalén onde morreu. Enterrárono na tumba dos seus antepasados. Todo Xudá e Xerusalén gardou loito por Ioxías. 25  Xeremías compuxo unha elexía no seu honor, e tódolos cantores e cantoras ségueno recordando nas súas elexías. Fixéronse tradicionais en Israel; poden verse nas Lamentacións. 26  Para máis datos sobre Ioxías, as obras de piedade que fixo de acordo coa Lei do Señor 27  e tódolos seus feitos, dos primeiros ós derradeiros, véxase o libro dos Reis de Israel e Xudá.

Notas ó pé