Libro Segundo das Crónicas 5:1-14
5 Así foi concluída toda a obra que fixo Salomón para o templo do Señor.
Salomón fixo traer todo o consagrado por seu pai David: a prata, o ouro e tódolos obxectos, e púxoos nos tesouros do templo de Deus.
2 Entón congregou Salomón en Xerusalén a tódolos anciáns de Israel e ós principais das casas paternas dos fillos de Israel, para facer subi-la arca da alianza de Iavé desde a cidade de David, que é Sión.
3 Reuníronse onda o rei tódolos homes de Israel, na festa do mes sétimo.
4 Cando chegaron tódolos anciáns de Israel, os levitas alzaron a arca;
5 levaron a arca e a Tenda do Encontro e tódolos útiles do santuario que había na tenda. Fixérono os sacerdotes levitas.
6 O rei Salomón, con toda a comunidade de Israel que se reunira ó arredor del, sacrificaron ante el ovellas e bois en número tan grande que non se puideron contar.
7 Os sacerdotes levaron a arca da alianza do Señor ó seu lugar no santuario do templo, ó Santo dos Santos, baixo as ás dos querubíns.
8 Pois os querubíns estendían as ás por riba do emprazamento da arca, cubrindo a arca e os varais por riba.
9 Os varais eran tan longos que se vían as puntas desde o Santo, desde a parte anterior do santuario, pero non se vían desde fóra; e alí están ata o día de hoxe.
10 Na arca non había cousa máis cás dúas táboas que Deus fixo pór nela no Horeb, cando Iavé concluíu a alianza cos israelitas trala súa saída de Exipto.
11 Cando os sacerdotes saíron do santuario (porque tódolos sacerdotes que estaban presentes se santificaron, sen gardar orde de clases),
12 e tódolos levitas cantores, Asaf, Hemán e Iedutún, con seus fillos e irmáns, vestidos de liño fino, estaban de pé ó oriente do altar, tocando címbalos, salterios e cítaras, e con eles cento vinte sacerdotes que tocaban as trompetas,
13 e os cantores louvando e celebrando a Iavé; erguendo a voz coas trompetas e cos címbalos e con outros instrumentos de música louvaban a Deus dicindo: —“porque é bo, porque é eterno o seu amor”; o templo encheuse dunha nube.
14 E os sacerdotes non puideron continuar no servicio por causa da nube, porque a gloria de Iavé enchía o templo.