Libro Segundo das Crónicas 8:1-18

8  Salomón construíu o templo do Señor e o palacio durante vinte anos.  Fortificou as cidades que lle dera Hiram e instalou nelas ós israelitas.  Logo Salomón dirixiuse contra Hamat de Sobah e apoderouse dela.  Fortificou Tamor, no deserto, e tódalas cidades de avituallamento que construíra en Hamat.  Converteu Bethorón de Arriba e Bethorón de Abaixo en prazas fortes, con murallas, portas e cerrollos.  O mesmo fixo con Balat, cos centros de avituallamento que tiña Salomón, as cidades con cuarteis de carros e cabalería, e canto quixo construír en Xerusalén, no Líbano e en tódalas terras do seu imperio.  Salomón fixo unha leva de traballadores non israelitas entre os descendentes que quedaban aínda dos hititas, amorreos, perizitas, hivitas e iebuseos,  pobos que os israelitas non exterminaran.  Ós israelitas non lles impuxo traballos forzados, senón que o servían coma soldados, funcionarios, xefes e oficiais de carros e cabalería. 10  Os xefes e capataces que mandaban nos obreiros eran douscentos cincuenta. 11  Á filla do faraón trasladouna da Cidade de David ó palacio que construíra, porque pensaba: —“O palacio de David, rei de Israel, quedou consagrado pola presencia da arca do Señor; a miña muller non pode vivir nel”. 12  Salomón ofrecía holocaustos ó Señor sobre o altar de Iavé, que construíra diante do adro. 13  Observaba o rito cotián dos holocaustos e as prescricións de Moisés referentes ós sábados, principios de mes e ás tres solemnidades anuais: a festa dos Ázimos, a das Semanas e a das Tendas. 14  Seguindo as prescricións do seu pai David, asignou ás clases sacerdotais os seus servicios; ós levitas, as súas funcións de cantar e oficiar na presencia dos sacerdotes, segundo o rito de cada día; e ós porteiros encargounos por grupos de cada unha das portas. Así o dispuxera David, o home de Deus. 15  Non se desviaron do que o rei lles mandara ós sacerdotes e ós levitas en cousa ningunha, nin sequera no referente ós almacéns. 16  Así levou a cabo toda a obra desde o día en que puxo os cimentos do templo do Señor ata a súa terminación. 17  Salomón dirixiuse entón a Esion-Guéber e Elat, na costa de Edom. Por medio dos seus ministros, 18  Hiram envioulle unha flota e mariñeiros expertos. Foron a Ofir cos escravos de Salomón e trouxeron de alí ó rei Salomón uns dezaseis mil quilos de ouro.

Notas ó pé