Libro Segundo das Crónicas 9:1-31
9 A raíña de Sabá oíu a fama de Salomón e foi desafialo con enigmas. Chegou a Xerusalén cunha grande caravana de camelos cargados de perfumes e ouro en grande cantidade e pedras preciosas. Entrou no palacio de Salomón e propúxolle todo o que pensaba.
2 Salomón resolveu tódalas súas consultas; non houbo unha cuestión tan escura que Salomón non lla puidese resolver.
3 Cando a raíña de Sabá viu a sabedoría de Salomón, a casa que construíra,
4 os manxares da súa mesa, toda a corte sentada á mesa, os camareiros cos seus uniformes, servindo, os copeiros cos seus uniformes, os holocaustos que ofrecía no templo do Señor, quedou abraiada
5 e dixo ó rei:
—“É verdade o que me contaron no meu país de ti e da túa sabedoría.
6 Eu non quería crelo, pero agora que vin e o vexo cos meus propios ollos, resulta que non me dixeran nin a metade. En abundancia de sabedoría superas todo o que eu oíra.
7 Feliz a túa xente, felices os cortesáns que están sempre na túa presencia aprendendo da túa sabedoría.
8 ¡Bendito sexa o Señor, teu Deus, que, polo amor con que quere conservar para sempre a Israel, te elixiu para te colocar no trono coma rei deles pola gracia do Señor, teu Deus, para que gobernes con xustiza!”.
9 A raíña regalou ó rei catro mil quilos de ouro, gran cantidade de perfumes e pedras preciosas; nunca houbo perfumes coma os que a raíña de Sabá regalou ó rei Salomón.
10 Os vasalos de Hiram e os de Salomón, que transportaban o ouro de Ofir, trouxeron tamén madeira de sándalo e pedras preciosas.
11 Coa madeira de sándalo o rei fixo entarimados para o templo do Señor e o palacio real, e cítaras e harpas para os cantores. Nunca se vira madeira semellante na terra de Xudá.
12 Pola súa parte, o rei Salomón regalou á raíña de Sabá todo o que a ela se lle antollou, superando o que ela mesma levara ó rei. Despois ela e o seu séquito emprenderon a viaxe de volta ó seu país.
13 O ouro que recibía Salomón ó ano eran vintetrés mil trescentos quilos,
14 sen conta-lo proveniente de impostos ós comerciantes e ó tránsito de mercancías; e tódolos reis de Arabia e os gobernadores do país levaban ouro e prata a Salomón.
15 O rei Salomón fixo douscentos escudos de ouro batido, gastando seis quilos e medio en cada un,
16 e trescentas adargas de ouro batido, gastando medio quilo de ouro en cada unha; púxoas no salón chamado Bosque do Líbano.
17 Fixo un gran trono de marfil, recuberto de ouro puro;
18 tiña seis gradas, un año de ouro no respaldo, brazos a ambos lados do asento,
19 e doce leóns de pé a ambos lados das gradas. Nunca se fixera cousa igual en reino ningún.
20 Toda a vaixela de Salomón era de ouro e tódalas alfaias do salón do Bosque do Líbano eran de ouro puro; nada de prata, que en tempos de Salomón non se lle daba importancia,
21 porque o rei tiña unha flota que ía a Tárxix cos servos de Hiram, e cada tres anos volvían as naves de Tárxix, cargadas de ouro, prata, marfil, monos e pavos reais.
22 Na riqueza e sabedoría o rei Salomón superou a tódolos reis da terra.
23 Tódolos reis do mundo viñan visitalo, para aprender da sabedoría da que Deus o enchera.
24 E cada un traía cadanseu agasallo: vaixelas de prata e ouro, mantos, perfumes e aromas, cabalos e mulos. E así tódolos anos.
25 Salomón tiña nas súas cabalerizas catro mil cabalos de tiro, carros e doce mil cabalos de montar. Instalounos nas cidades con cuarteis de carros e en Xerusalén, cerca do palacio.
26 Tiña poder sobre tódolos reis, desde o Éufrates ata a rexión filistea e a fronteira de Exipto.
27 Salomón conseguiu que en Xerusalén a prata fose tan corrente coma as pedras, e os cedros, coma os sicómoros de Xefelah.
28 Os cabalos de Salomón proviñan de Exipto e doutros países.
29 Para máis datos sobre Salomón, da punta ó cabo do seu reinado, véxase a Historia do profeta Natán, a profecía de Ahías de Xiloh e as visións do vidente Idó a propósito de Ieroboam, fillo de Nabat.
30 Salomón reinou en Xerusalén sobre todo Israel corenta anos.
31 Cando morreu enterrárono na Cidade de David, seu pai. Seu fillo Roboam sucedeuno no trono.