Segunda Carta de San Xoán 1:1-13
1 Eu, o Presbítero, escríbolle á señora elixida e mais ós seus fillos, ós que quero na verdade —e non só eu senón tódolos que recoñecen a verdade—,
2 gracias á verdade que está dentro de nós e que nos acompañará sempre.
3 Obra da verdade e mais do amor será que nos acompañen o favor, a misericordia e a paz que nos vén de Deus Pai e de Xesús Cristo, o Fillo do Pai.
4 Algúns dos teus fillos déronme unha alegría moi grande, cando vin que vivían na verdade, conforme o que o Pai nos mandou.
5 Agora, pídoche, señora, que nos queiramos ben uns ós outros; e con isto non che anuncio un mandamento novo senón o mandamento que recibimos desde un principio.
6 O amor consiste nisto: en vivirmos conforme os seus mandamentos. Este é o mandamento que oístes desde o principio para que vivades conforme el.
7 Agora andan polo mundo moitos seductores que non profesan que Xesús Cristo veu en carne mortal: ¡Velaí o seductor e o Anticristo!
8 Mirade por vós mesmos: para non perdérde-lo que traballastes, senón para recibírde-la paga enteira.
9 Todo aquel que se pasa da raia e non segue a doutrina de Cristo, non ten a Deus consigo. Quen segue a doutrina, ten consigo o Pai e mailo Fillo.
10 Se vos fai unha visita alguén que non traia esta doutrina, nin lle ofrezades pousada nin lle deáde-la “benvida”;
11 quen lle dea a “benvida”, faise cómplice das malas obras do tal.
12 Aínda que teño moitas cousas para vos dicir, non o quero facer con papel e tinta. Espero irvos ver e falarvos cara a cara, para que, deste xeito, a nosa alegría sexa completa.
13 Saúdante os fillos da túa irmá, a elixida.