Libro Segundo dos Reis 1:1-18
1 Despois da morte de Acab, Moab revoltouse contra Israel.
2 Ocozías caeu da varanda do piso alto do seu pazo, en Samaría, e quedou maltreito. Entón enviou mensaxeiros e encargoulles: —“Ide consultar a Baal-Zebub, deus de Ecrón, se curarei destas feridas”.
3 Un anxo do Señor díxolle a Elías texbita: —“Sáelles ó camiño ós mensaxeiros do rei de Samaría e pregúntalles: ¿Seica non hai Deus en Israel, para que teñades que ir consultar a Baal-Zebub, deus de Ecrón?
4 Isto, pois, di o Señor: do leito ó que subiches, non volverás baixar. Morrerás sen remedio”. E Elías logo marchou.
5 Volveron os mensaxeiros onda o rei, e este preguntoulles: —“¿Como é que déste-la volta?”
6 Respondéronlle eles: —“Saíunos ó paso un home, que nos dixo: volvede onda o rei que vos mandou e dicídelle: isto di o Señor: ¿Seica non hai Deus en Israel, para que teñas que mandar consultar a Baal-Zebub, deus de Ecrón? Por iso, do leito ó que subiches, non volverás baixar. Morrerás sen remedio”.
7 O rei preguntoulles: —“¿Que traza tiña o home que vos saíu ó camiño e que vos dixo esas cousas?”
8 Respondéronlle eles: —“O home levaba un manto de pelos, cinguido cun cinto de coiro polo van”. O rei dixo: —“Era Elías texbita”.
9 O rei mandou entón un xefe de cincuentena, cos seus cincuenta homes, que fose á busca del. Atopouno sentado no cume da montaña e díxolle: —“Home de Deus, o rei manda que baixes”.
10 Elías respondeulle ó xefe da cincuentena: —“Se eu son un home de Deus, que caia lume do ceo e que vos devore, a ti e á túa cincuentena”. Niso caeu lume do ceo e devorounos, a el e ós cincuenta.
11 O rei mandou entón outro xefe de cincuentena, cos seus cincuenta homes. Foi onda el e faloulle: —“Home de Deus, o rei ordena que baixes de seguida”.
12 Elías respondeulle: —“Se eu son un home de Deus, que caia lume do ceo e que vos devore, a ti e á túa cincuentena”. Niso caeu un lume de Deus dende o ceo, e devorounos, a el e ós seus cincuenta homes.
13 O rei mandou por terceira vez un xefe de cincuentena, cos seus cincuenta homes. O xefe, en chegando onda Elías, axeonllouse diante del e suplicoulle: —“Home de Deus, que a miña vida e a destes cincuenta homes, servos teus, sexan preciosas para ti.
14 Ves que caeu lume do ceo e devorou os xefes que me precederon, coas súas cincuentenas. Agora, que a miña vida sexa preciosa para ti”.
15 Un anxo do Señor díxolle entón a Elías: —“Baixa con el; non lle teñas medo”. E baixou con el onda o rei.
16 Elías díxolle: —“Isto di o Señor: mandaches mensaxeiros consultar a Baal-Zebub, deus de Ecrón, coma se non houbese Deus en Israel, para consultala súa palabra. Por iso, do leito ó que subiches, non volverás baixar, pois morrerás sen remedio”.
17 E Ocozías morreu, conforme a palabra do Señor por medio de Elías. Como non tiña fillos, sucedeulle no trono o seu irmán Ioram, no ano segundo do reinado de Ioram, fillo de Ioxafat, sobre Xudá.
18 O resto da historia de Ocozías, todo o que fixo, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel?