Libro Segundo dos Reis 10:1-36
10 En Samaría vivían setenta fillos de Acab. Iehú escribiu cartas e mandounas a Samaría, ós maxistrados da cidade, ós anciáns e ós mestres dos fillos de Acab. Nelas dicíalles:
2 —“Cando vos chegue esta carta, xa que tedes convosco os fillos do voso señor, e tedes tamén os seus carros, os seus cabalos, unha cidade fortificada e armas,
3 vede cal dos fillos do voso señor é o mellor e o máis xusto, sentádeo no trono do seu pai e dispódevos a loitar pola familia do voso señor”.
4 Eles, mortos de medo, dixeron: —“Se entre os dous reis non lle puideron facer fronte, ¿como lla faremos nós?”
5 Entón o maiordomo do pazo, o gobernador da cidade, os anciáns e os mestres mandáronlle dicir a Iehú: —“Nós somos todos servos teus e farémo-lo que nos mandes. Non elixiremos ningún rei. Fai ti como che pareza”.
6 Iehú escribiulles outra carta, na que dicía: —“Se vós estades comigo e me obedecedes, vinde onda min a Iezrael, mañá destas horas, e traédeme as cabezas dos fillos do noso señor”. Os setenta fillos do rei estaban cos grandes da cidade, que os criaban.
7 En recibindo eles a carta, colleron ós fillos do rei, mataron ós setenta, puxeron en cestos as cabezas e mandáronllas a Iehú, a Iezrael.
8 Entrou onda el o recadeiro e anuncioulle: —“Trouxeron as cabezas dos fillos do rei”. E el ordenou: —“Poñédeas en dous montóns, ás portas da cidade, ata mañá pola mañá”.
9 Pola mañá saíu Iehú, e en pé diante de toda a xente, dixo: —“Vós sodes inocentes. Eu conspirei contra o meu señor e mateino. Pero a todos estes ¿quen os matou?
10 Vede como non cae polo chan ningunha das palabras que dixera o Señor contra a familia de Acab. O Señor cumpre o que dixo polo seu servo Elías”.
11 Iehú acabou tamén cos que quedaban da casa de Acab en Iezrael, os grandes, os parentes, os sacerdotes, sen deixar restos de ninguén.
12 Despois colleu e foise a Samaría. Cando, polo camiño, chegaba a Bet-ÉquedHaroim,
13 atopouse Iehú cos irmáns de Ocozías, rei de Xudá, e preguntoulles: —“¿Vós, quen sodes?” Respondéronlle eles: —“Somos irmáns de Ocozías e imos visita-los fillos do rei e os fillos da raíña”.
14 Iehú ordenou: —“Collédeos vivos”. Colléronos vivos, e logo esganáronos onda a alberca de Bet-Équed. Eran corenta e dous homes, e non quedou sequera un.
15 Iehú seguiu máis adiante e encontrouse con Ionadab, fillo de Recab, que viña ó seu encontro. Iehú saudouno e preguntoulle: —“¿Es ti sincero comigo, coma o son eu contigo?” Ionadab respondeulle: —“Son”. —“Entón dáme a man”. El deulle a man, e Iehú gurrou del para o seu carro.
16 E díxolle: —“Vén comigo e vera-lo meu celo polo Señor”. E levouno con el no seu carro.
17 Iehú entrou en Samaría e matou os que quedaban alí da casa de Acab, ata acabar con toda a familia, como dixera o Señor por medio de Elías.
18 Despois reuniu Iehú ó pobo todo e faloulles: —“Acab serviu un pouco a Baal; Iehú servirao moito máis.
19 Convocade onda min a tódolos profetas de Baal, os seus adoradores e os seus sacerdotes. Que non falte ningún, porque quero ofrecer a Baal un gran sacrificio. Aquel que falte non vivirá”. Iehú procedía arteiramente, para ver de acabar dunha vez con tódolos adoradores de Baal.
20 Logo ordenou: —“Convocade asemblea santa en honor de Baal”. E convocárona.
21 Iehú mandou recado por todo Israel, e viñeron tódolos devotos de Baal, sen fallar nin sequera un. Reuníronse todos no santuario de Baal, que se encheu de parede a parede.
22 Iehú ordenoulle ó garda do vestuario: —“Tira vestiduras para os devotos de Baal”. E el tirou vestes para todos.
23 Niso entrou Iehú con Ionadab, fillo de Recab, no templo de Baal e díxolles ós seus adoradores: —“Asegurádevos de que non hai entre vós ningún servidor do Señor, senón só os devotos de Baal”.
24 Entón comezaron a ofrecer sacrificios e holocaustos.
Iehú apostara fóra oitenta homes, con esta encomenda: —“O que deixe zafarse un destes homes que poño nas vosas mans, pagará por el coa súa vida”.
25 Cando acabaron de ofrece-lo holocausto, Iehú mandou ós gardas e ós oficiais: —“Entrade e matádeos. Que non fuxa ningún”. Os gardas e os oficiais matáronos a fío de espada, e despois botáronos fóra. Entraron logo no camarín de Baal,
26 retiraron del a estela e queimárona,
27 destruíron o altar de Baal, derrubaron o templo e convertérono en esterqueiro, ata hoxe.
28 Deste xeito foi como acabou Iehú con Baal en Israel.
29 Pero Iehú non se afastou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel, cos becerros de ouro de Betel e de Dan.
30 O Señor comunicoulle: —“Xa que tiveches un bo comportamento, facendo o que é xusto ós meus ollos, e trataches como eu decidira á familia de Acab, os teus fillos sentarán no trono de Israel, ata a cuarta xeración”.
31 Pero Iehú non procurou segui-la lei do Señor, Deus de Israel, con todo o seu corazón. Non se afastou dos pecados que Ieroboam fixera cometer a Israel.
32 Entón empezou o Señor a mingua-lo territorio de Israel. Hazael bateuno en tódalas fronteiras,
33 desde o Xordán cara ó nacente, cos territorios de Galaad, de Gad, de Rubén e de Menaxés, e desde Aroer, que está onda o Arnón, ademais de Galaad e de Baxán.
34 O resto da historia de Iehú, os seus feitos e as súas fazañas, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel?
35 Iehú adormeceu con seus pais, e enterrárono en Samaría. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioacaz.
36 Iehú reinara vinteoito anos sobre Israel, en Samaría.