Libro Segundo dos Reis 12:1-21
12 (12:2) no ano sétimo do reinado de Iehú, e reinou corenta anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Sibia, e era de Beerxeba.
2 (12:3) Ioax fixo sempre o que é debido ós ollos do Señor, seguindo as instruccións do sacerdote Iehoiadá.
3 (12:4) Mais os altares dos outeiros non desapareceron, e a xente seguía ofrecendo neles sacrificios e incenso.
4 (12:5) Ioax faloulles ós sacerdotes: —“O diñeiro ofrendado ó templo do Señor, o diñeiro que traia cada persoa, o diñeiro pagado polo censo e o que cadaquén queira traer voluntariamente ó templo do Señor,
5 (12:6) que o recollan os sacerdotes, cada un polos seus axudantes, e eles encargaranse de repara-lo templo do Señor, onde queira que atopen danos”.
6 (12:7) No ano vintetrés do reinado de Ioax, os sacerdotes non repararan aínda os danos do templo do Señor.
7 (12:8) O rei chamou entón ó sacerdote Iehoiadá e ós outros sacerdotes, e díxolles: —“¿Por que téde-los danos do templo aínda sen reparar? De agora en adiante, non colleréde-lo diñeiro da man dos vosos axudantes, senón que o entregaredes, para repara-los danos do templo do Señor”.
8 (12:9) Os sacerdotes consentiron en non colle-lo diñeiro da xente e en non repararen eles os danos do templo.
9 (12:10) O sacerdote Iehoiadá colleu unha hucha, fíxolle na tapa un burato e colocouna ó pé do altar, pola dereita de quen entra no templo do Señor.
10 (12:11) Cando vían que na hucha había xa moito diñeiro, ía o secretario do rei co sumo sacerdote, recollían o diñeiro que había alí e contábano.
11 (12:12) Despois de contalo, dábanllelo ós capataces das obras do templo do Señor, e estes pagaban con el os carpinteiros e os obreiros todos que traballaban no templo do Señor,
12 (12:13) os albaneis e os canteiros. Con el mercaban madeira e pedra de cantería para repara-los danos do templo. Con el pagaban tódolos gastos da súa conservación.
13 (12:14) Co diñeiro traído ó templo do Señor non se facían xerras de prata, nin coitelos, nin aspersorios, nin bucinas, nin obxecto ningún de ouro ou de prata,
14 (12:15) senón que se entregaban ós capataces das obras, e con el restauraban o templo do Señor.
15 (12:16) Non se pedían contas ós homes ós que se encomendaba o diñeiro para paga-los capataces, pois eran xente de fiar.
16 (12:17) O diñeiro dos sacrificios penitenciais e o dos sacrificios polo pecado non se entregaba para o templo: era para os sacerdotes.
17 (12:18) Por aquel tempo Hazael, rei de Aram, atacou Gat e conquistouna. Despois deu a volta, para atacar Xerusalén.
18 (12:19) Ioax, rei de Xudá, botou man de tódalas cousas sagradas ofrecidas polos seus devanceiros Ioxafat, Ioram e Ocozías, reis de Xerusalén, e das que el mesmo fixera, de todo o ouro que había nos tesouros do templo do Señor e do pazo real, e mandoulle todo a Hazael, rei de Aram. Este entón desistiu de subir contra Xerusalén.
19 (12:20) O resto da historia de Ioax, todo o que fixo, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá?
20 (12:21) Os seus cortesáns revoltáronse e conxuraron contra Ioax, e matárono en Betmiló, baixando cara a Sela.
21 (12:22) Matárono os seus servidores Iozacar, fillo de Ximat, e Iehozabad, fillo de Xomer. Enterrárono con seus pais, na cidade de David. Sucedeulle no trono o seu fillo Amasías.