Libro Segundo dos Reis 20:1-21
20 Por aquel tempo Ezequías enfermou coma para morrer. O profeta Isaías, fillo de Amós, foi visitalo e anuncioulle: —“Prepara o testamento, porque vas morrer e non seguirás vivo”.
2 Ezequías virou a faciana cara á parede e pediulle ó Señor:
3 —“Ai, Señor, tenme en conta que sempre andei con sinceridade e integridade diante de ti, e que fixen o que é debido ós teus ollos”. E rompeu a chorar, desfeito en bágoas.
4 Isaías non saíra aínda do patio principal, cando recibiu esta palabra do Señor:
5 —“Volve onda Ezequías, xefe do meu pobo, e dille que isto di o Señor, Deus de seu pai David: escoitei a túa oración e vin as túas bágoas. Agora voute curar. Á volta de tres días poderás subir ó templo do Señor.
6 Ós días da túa vida engadireilles quince anos. Librareite das mans do rei de Asiria, a ti e a esta cidade. Protexerei esta cidade, polo honor do meu nome e o do meu servo David”.
7 Entón mandou Isaías: —“Traede unha bica de figos. En canto a traian, que lla poñan na chaga, e sandará”.
8 Ezequías preguntoulle a Isaías: —“¿Cal será o sinal de que o Señor me sandará e de que á volta de tres días poderei subir ó templo do Señor?”
9 E Isaías respondeulle: —“Este será para ti o sinal de que o Señor cumprirá a palabra que che deu: ¿Queres que a sombra do reloxo adiante dez graos, ou que os atrase?”
10 Ezequías respondeulle: —“É cousa fácil que a sombra avance dez graos. Non; quero que se atrase en dez graos”.
11 O profeta Isaías invocou entón ó Señor, que fixo que a sombra retrocedese dez graos dos que xa percorrera no reloxo de Acaz.
12 Daquela, o rei de Babilonia, Merodak Baladán, fillo de Baladán, ó ter noticia da doenza de Ezequías, mandoulle unha carta e un agasallo.
13 Ezequías folgouse coa visita, e amostróulle-la casa do tesouro: a prata, o ouro, os perfumes, os óleos escolleitos, a vaixela e todo o que había no tesouro. Non quedou cousa no pazo nin no reino que Ezequías non lles amosase.
14 Entón presentouse o profeta Isaías ó rei Ezequías e preguntoulle: —“¿Que che dixeron eses homes e de onde veñen para verte?” Ezequías respondeulle: —“Veñen dun país de moi lonxe, de Babilonia”.
15 Preguntou o profeta: —“¿E que viron no teu pazo?” Ezequías respondeulle: —“Viron todo o que hai no meu pazo. Non quedou cousa no meu tesouro que non lles amosase”.
16 Isaías díxolle entón a Ezequías: —“Escoita a palabra do Señor:
17 virá un día, en que será levado a Babilonia todo o que hai no teu pazo e todo o que ata hoxe atesouraron os teus pais. Nada quedará, di o Señor.
18 E ós fillos que nacerán de ti, que ti xerarás, levaranos para servidores do pazo do rei de Babilonia”.
19 Ezequías dixo a Isaías: —“Está ben a palabra do Señor que me anuncias”. Porque pensaba: —“Ó menos haberá paz e seguridade mentres eu viva”.
20 O resto da historia de Ezequías, as súas proezas e as obras que fixo, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá?
21 Ezequías adormeceu con seus pais, e sucedeulle no trono o seu fillo Menaxés.