Libro Segundo de Samuel 11:1-27
11 Á volta dun ano, na época en que os reis saen á guerra, mandou David a Ioab, cos seus oficiais e co exército israelita, desbarata-lo país dos amonitas e poñerlle cerco a Rabah. Mentres tanto David quedou en Xerusalén.
2 Unha tarde, ó erguerse do leito, púxose David a pasear pola terraza do pazo, e viu desde alí unha muller que se estaba bañando, unha muller, por certo, moi fermosa.
3 David mandou preguntar por ela e dixéronlle: esa muller é Batxeba, filla de Eliam, muller de Urías, o hitita.
4 David ordenou que lla trouxesen. Entrou a muller onda el e David deitouse con ela, cando ela se acababa de purificar das súas regras. Despois ela volveu para a súa casa.
5 A muller quedou embarazada e mandoulle a dicir a David: estou embarazada.
6 Entón mandoulle David este recado a Ioab: “Mándame a Urías, o hitita”. E el mandoullo.
7 Cando Urías chegou, David preguntoulle pola saúde de Ioab, polo exército e pola marcha da guerra.
8 Despois David díxolle a Urías: —“Baixa á túa casa e dáte un baño”. Urías saíu do pazo real e detrás del saíu o agasallo do rei.
9 Pero Urías deitouse á entrada do pazo, cos serventes do rei, e non baixou a súa casa.
10 Dixéronlle a David: —“Urías non baixou á súa casa”. David díxolle entón: —“Acabas de vir de viaxe. ¿Por que non vas á túa casa?”
11 Urías respondeulle a David: —“A arca, Israel e Xudá viven en tendas, o meu xefe Ioab e os seus oficiais acampan ó raso, ¿e ía entrar eu na miña casa, comer e beber e deitarme coa miña muller? Por ti e pola túa vida, que non farei semellante cousa”.
12 David díxolle a Urías: —“Quédate aínda hoxe e mañá despedireite”. E Urías quedou aquel día en Xerusalén.
Ó día seguinte,
13 David convidouno a comer con el e deulle de beber para emborrachalo. Á noite saíu e deitouse onda a garda do seu señor, mais non baixou á súa casa.
14 Á mañá escribiulle David unha carta a Ioab e mandoulla en man por Urías.
15 Na carta escribía: —“Poñede a Urías na dianteira, onde máis duro sexa o combate, arredádevos del, e que o firan e morra”.
16 Ioab, que estaba cercando a cidade, puxo a Urías no sitio onde sabía que estaban os homes máis valentes.
17 Saíron os defensores da cidade, combateron contra Ioab e caeron algúns dos soldados de David. Tamén morreu Urías, o hitita.
18 Ioab mandou que informasen a David da sorte do combate.
19 E díxolle ó mensaxeiro: —“Cando acabes de darlle ó rei o parte do combate,
20 se el se alporiza e che di: ¿Por que vos acercastes tanto para ataca-la cidade? ¿Non sabiades que dispararían desde o alto da muralla?
21 ¿Quen matou a Abimélec, fillo de Ierubaal? Unha muller que botou unha pedra de moer desde o alto do muro, morrendo el en Tebés. ¿Por que vos aproximastes á muralla? Ti diraslle entón: morreu tamén o teu servo Urías, o hitita”.
22 Marchou o mensaxeiro, chegou xunto a David e comunicoulle a mensaxe de Ioab.
23 O mensaxeiro dixo: —“Os inimigos saíron cara a nós ó escampado; eles estábannos vencendo, mais nós botámonos sobre eles cara á porta da entrada.
24 Entón tiraron os arqueiros desde a muralla contra os teus servos e mataron a algúns dos soldados do rei. Morreu tamén o teu servo Urías, o hitita”.
25 David díxolle ó mensaxeiro: —“Dille isto a Ioab: non te aflixas polo que pasou. A espada devora ora para aquí ora para alí. Ti reforza o ataque contra a cidade para arrasala. E ti fai por encoraxalo”.
26 Cando soubo a muller de Urías que morrera o seu home, fixo loito por el.
27 Pasado o tempo do loito, David mandou que viñese á súa casa e tomouna por muller. Ela deulle un fillo. Pero a acción de David non compraceu ó Señor.