Libro Segundo de Samuel 12:1-31
12 O Señor mandou a Natán onda a David. O profeta entrou xunto ó rei e díxolle: —“Nunha cidade había dous homes, un rico e o outro pobre.
2 O rico tiña grandes rabaños de ovellas e de bois.
3 O pobre non tiña nada fóra dunha ovella que mercara.
El criouna e ela ía crecendo, canda el e canda os seus fillos. Coidábaa coma a unha filla.
4 Chegou un viaxeiro onda o rico, quen sentindo botar man dunha peza da súa facenda para convidar ó viaxeiro que chegara xunto del, colleulle a ovella ó home pobre e guisoulla ó viaxeiro”.
5 David enfadouse moito con aquel home e díxolle a Natán: —“Pola vida do Señor, quen fixo iso merece a morte.
6 Pagará catro veces a ovella, por ese comportamento sen piedade”.
7 Entón Natán díxolle a David:—“Ti es ese home.
E isto di o Señor, Deus de Israel:
Eu unxinte por rei de Israele libreite das mans de Xaúl.
8 Entregueiche a casa do teu señore puxen as súas mulleres nos teus brazos.
Fíxente dono de Israel e de Xudáe, por se fose pouco,deiche aínda outras cousas.
9 ¿Por que, logo, despréza-la palabra do Señor,facendo o que el reproba?
Mataches coa espada a Urías, o hitita,para casares coa súa muller.
Matáchelo coa espada dos amonitas.
10 Agora a espada non se afastará da túa casa.
Visto que ti me desprezaches,tomando para ti a muller de Urías, o hitita,
11 isto di o Señor:
Vou facer xurdir contra ti a desgraciadentro da túa propia casa.
Quitareiche as mullerese dareillas a outro diante dos teus ollos,el deitarase con elas,á luz deste sol que nos aluma.
12 O que fixeches ti ás escondidas,fareino eu á luz do sole á vista de todo Israel”.
13 David díxolle a Natán:
—“¡Pequei contra o Señor!”
E Natán díxolle:
—“O Señor perdoa o teu pecado e non morrerás.
14 Pero, por desprezáre-lo Señor co que fixeches,o neno que che naceu ten que morrer”.
15 Despois Natán marchou para a súa casa. E o Señor feriu ó neno que a muller de Urías lle parira a David; púxose moi malo.
16 David pediulle a Deus polo neno, fixo un longo xexún e pasaba as noites tirado polo chan.
17 Os anciáns da súa casa trataron de levantalo, pero el negouse e non quixo comer con eles.
18 Ós sete días morreu o neno. Os serventes tiñan medo de dicirlle a David que o neno morrera, pois pensaban: —“Se, cando o neno vivía, lle falabamos e el non nos facía caso, ¿como lle imos dicir agora que o neno morreu? Faría unha loucura”.
19 David decatouse de que os serventes andaban falando polo baixo e comprendeu que o neno morrera. E preguntoulles ós serventes: —“¿Morreu o neno?” E eles dixéronlle: —“Morreu”.
20 David entón engueuse do chan, lavouse, perfumouse e mudouse, e logo foise postrar á casa do Señor. Despois volveu para o seu pazo, pediu de comer, servírono e comeu.
21 Os seus serventes perguntáronlle: —“¿Que quere dicir iso que fas? Cando o neno vivía, xexuabas e chorabas, e agora que o neno morreu, érgueste e comes”.
22 El respondeulles: —“Mentres o neno vivía, xexuaba e choraba, pensando: ¡quen sabe se o Señor me quererá face-la gracia de que viva!
23 Pero agora que xa morreu, ¿de que serve o xexún? ¿Podería volvelo á vida? Son eu quen vai cara a el e non el cara a min”.
24 David consolou a Batxeba, súa muller, entrou onda ela e durmiu con ela. Ela pariulle un fillo, a quen lle puxo por nome Salomón. O Señor amouno
25 e mandou polo profeta Natán que lle chamasen Iedidías en homenaxe ó Señor.
26 Nese tempo Ioab seguira co cerco de Rabah dos amonitas ata acabar conquistando a cidade real.
27 Entón mandou mensaxeiros a David para dicirlle: —“Ataquei Rabah e recuperei a cidade das augas.
28 Agora reúne o resto do exército, acampa ó redor da cidade e apodérate ti dela, non sexa que, se o fago eu, chamen logo á cidade co meu nome”.
29 David reuniu o resto do exército e foi a Rabah, que atacou e que conquistou.
30 Quitou da cabeza a Milcom unha coroa que pesaba un talento de ouro e que tiña pedras preciosas; e púxoa na súa cabeza. O botín que colleu na cidade foi moi grande.
31 Sacou da cidade os seus habitantes e púxoos a traballar coa serra e con machetas, con picos de ferro e en fornos de ladrillos. Con tódalas cidades amonitas fixo o mesmo. Despois David voltou con todo o exército para Xerusalén.