Libro Segundo de Samuel 4:1-12

4  Cando Ixbóxet, fillo de Xaúl, soubo que morrera Abner en Hebrón, acovardouse e todo Israel quedou estarrecido.  O fillo de Xaúl tiña dous xefes de guerrilleiros, un chamado Banah e o outro Recab, fillos de Rimón de Beerot, benxaminitas, xa que Beerot se lle atribuía a Benxamín.  Os de Beerot marcharan a Guitaim, onde residen hoxe.  Ionatán, fillo de Xaúl, tiña un fillo, tolleito dos pés. Cando chegara de Iezrael a nova da morte de Xaúl e de Ionatán, o neno tiña cinco anos. A súa criada saíu fuxindo e, coas présas, caeulle o neno e quedou coxo. Chamábase Meribaal.  Os fillos de Rimón de Beerot, Recab e Banah, ían de camiño e chegaron á casa de Ixbóxet, nas horas da calor, cando el estaba deitado durmindo a sesta.  A porteira da casa estaba limpando o gran e quedara durmida.  Eles entraron na casa, ata a alcoba onde Ixbóxet estaba deitado e ferírono de morte. Cortáronlle a cabeza e levárona consigo, camiñando polo ermo toda aquela noite.  Chegaron coa cabeza de Ixbóxet a Hebrón, xunto a David, e dixéronlle ó rei: —“Aquí te-la cabeza de Ixbóxet, fillo de Xaúl, o teu inimigo, que quixo quitarche a vida. Hoxe concédelle o Señor ó rei, noso señor, a vinganza de Xaúl e da súa descendencia”.  Pero David respondeulle a Recab e ó seu irmán Banah, fillos de Rimón de Beerot, dicindo: —“¡Pola vida do Señor, que me librou de tódolos apretos! 10  Se a quen me trouxo a noticia de que morrera Xaúl, crendo que me daba boas novas, o collín e o fixen matar en Siquelag, en recompensa pola súa nova, 11  canto máis agora, que uns homes malvados mataron un home xusto, na súa casa, no seu leito, pedireivos contas do sangue que verquestes, desarraigándovos da terra”. 12  E David mandoulles ós seus homes que os matasen. Despois de facelo, cortáronlle-las mans e os pés e penduráronos xunto a represa de Hebrón. A cabeza de Ixbóxet collérona e enterrárona en Hebrón no sartego de Abner.

Notas ó pé