Libro Segundo de Samuel 5:1-25

5  Tódalas tribos de Israel foron a Hebrón, xunto a David, para dicirlle: —“Aquí nos tes. Nós somos do teu mesmo sangue.  Xa de antes, cando Xaúl reinaba sobre nós, eras ti quen conducía a Israel e o Señor tíñache dito: ti pastara-lo meu pobo Israel, ti sera-lo seu xefe”.  Os anciáns de Israel presentáronse, pois, onda o rei en Hebrón. O rei David fixo un pacto alí con eles, diante do Señor, e eles unxiron a David por rei de Israel.  David tiña trinta anos cando empezou a reinar e reinou corenta anos.  En Hebrón reinou sobre Xudá sete anos e medio; en Xerusalén reinou trinta e tres anos, sobre Israel e Xudá.  O rei marchou cos seus homes sobre Xerusalén contra os habitantes daquel país, os iebuseos. Eles tíñanlle dito a David: —“Non poderás entrar aquí; rexeitarante os cegos e os coxos”. Con iso querían dicir: “David non poderá entrar aquí”.  Pero David conquistou a fortaleza de Sión, que se converteu na cidade de David.  Aquel día David dixera: —“Quen queira combate-los iebuseos, que se achegue polo túnel. A eses coxos e a eses cegos aborréceos David”. De aí saíu aquel dito: nin cego nin coxo entre no templo.  David instalouse na fortaleza e chamoulle cidade de David. David edificou ó redor dela desde o Miló para dentro. 10  David medraba cada vez máis. O Señor, Deus dos exércitos, estaba con el. 11  Hiram, rei de Tiro, mandoulle unha embaixada a David, con madeiras de cedro e con carpinteiros e canteiros, para que construísen o pazo de David. 12  David comprendeu que o Señor o confirmaba por rei de Israel e que por mor do seu pobo Israel engrandecía o reino. 13  Despois de que veu de Hebrón, David tomou en Xerusalén outras concubinas e outras mulleres. Delas nacéronlle a David máis fillos e máis fillas. 14  Os nomes dos fillos que tivo en Xerusalén son Xamá, Xobab, Natán e Salomón, 15  Ibhar, Elixúa, Nafeg e Iafía, 16  Elixamá, Eliadá e Elifélet. 17  Souberon os filisteos que David fora unxido rei de Israel e, ó momento, subiron en busca del. David, ó te-la noticia, baixou á súa fortaleza. 18  Os filisteos viñeron e espalláronse polo val de Refaím. 19  David consultou o Señor: —“¿Subirei contra os filisteos? ¿Poralos nas miñas mans?” O Señor respondeulle: —“Sube. Entregareinos, seguro, nas túas mans”. 20  David foise a Baal Perasim e alí venceunos, e comentou: —“O Señor abriu unha fenda nos meus inimigos diante miña, coma a fenda que abren as augas”. Por iso chamóuselle a aquel lugar Baal Perasim. 21  Os filisteos abandonaron alí os seus ídolos e colléronos David e os seus homes. 22  Os filisteos volveron á contenda, despregándose polo val de Refaím. 23  David consultou o Señor, que lle respondeu:—“Non subas. Dá a volta por detrás deles e atácaos do lado das moreiras. 24  Cando sintas ruído de pasos nas copas das moreiras, ataca con decisión, pois é que sae o Señor diante de ti, para derrota-lo exército filisteo”. 25  David fixo como lle mandaba o Señor, e derrotou os filisteos desde Gueba ata a entrada de Guézer.

Notas ó pé