Libro Segundo de Samuel 8:1-18
8 Despois diso David venceu ós filisteos e someteunos; e arrebatoulles Gat coas súas aldeas.
2 Venceu tamén a Moab e, deitándoos polo chan, mediunos co cordel. Dúas medidas destinábaas á morte e unha deixábaa con vida. Os moabitas quedaron sometidos á David pagándolle tributo.
3 David derrotou tamén a Hadadézer, fillo de Rehob, rei de Sobah, cando ía impo-la súa man sobre o Éufrates.
4 David colleulle prisioneiros mil setecentos xinetes e vinte mil soldados de a pé. Desxarretoulle os cabalos dos carros, deixándolle soamente cen de tódolos que tiña.
5 Os arameos de Damasco acudiron en axuda de Hadadézer, rei de Sobah, e David matoulles vintedous mil homes.
6 David instalou postos en Aram de Damasco e os arameos quedáronlle sometidos pagándolle tributo. O Señor concedeulle éxito a David en todo o que emprendeu.
7 Ós oficiais de Hadadézer quitoulles David os escudos de ouro e levounos a Xerusalén.
8 En Tabah e Berotai, cidades de Hadadézer, colleu o rei David bronce en moita cantidade.
9 Cando Tohu, rei de Hamat, soubo que David derrotara o exército de Hadadézer,
10 mandou xunto a el ó seu fillo Adoram, para saudalo e felicitalo, por combater e vencer a Hadadézer, pois Tohu estaba tamén en guerra con Hadadézer. Adoram levoulle unha vaixela de ouro, de prata e de bronce, de regalo.
11 O rei David consagroulle iso ó Señor, como consagrara xa a prata e o ouro de tódolos pobos que vencera,
12 arameos e moabitas, amonitas, filisteos e amalecitas, e mailo botín de Hadadézer, fillo de Rehob, rei de Sobah.
13 David adquiriu unha grande sona. Á súa volta de Aram derrotou a Edom, no val do Sal, matándolle dezaoito mil homes.
14 Estableceu postos en Edom, que estaba todo sometido a David. O Señor concedeulle éxito a David en todo o que emprendeu.
15 David foi rei de todo Israel e gobernou o seu pobo con xustiza e con equidade.
16 Ioab, fillo de Seruiah, era o xefe do exército; Ioxafat, fillo de Ahilud, era o cronista;
17 Sadoc, fillo de Ahitub, e mais Abiatar, fillo de Ahimélec, eran os sacerdotes; Seraías era o secretario
18 e Benaías, fillo de Iehoiadá, o xefe dos quereteos e dos peleteos. Os fillos de David eran sacerdotes.