Segunda Carta a Timoteo 1:1-18

1  Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus para anuncia-la promesa da vida que hai en Cristo Xesús,  a Timoteo, fillo querido: deséxoche a gracia, a misericordia e a paz de Deus e de Cristo Xesús noso Señor.  Doulle gracias a Deus, a quen sirvo desde o nacemento con conciencia limpa, porque decote me lembro de ti nas miñas oracións, noite e día.  Cando me acordan as túas bágoas, véñenme ganas de te ver para me encher de alegría,  lembrando a túa fe sincera, que xa habitou na túa avoa Loide e na túa nai Eunice, e confío que tamén en ti.  Por esta mesma causa recórdoche que reavíve-lo carisma de Deus, que hai en ti pola imposición das miñas mans.  Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, de amor e de sobriedade.  Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus.  El vivificounos e chamounos cunha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola gracia que nos deu en Cristo Xesús antes de tódolos tempos, 10  e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. El destruíu a morte e alumeou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo. 11  Deste Evanxeo constituíronme a min pregoeiro, apóstolo e mestre. 12  Por esta causa precisamente padezo estas cousas. Pero non me importa, porque sei de quen me fiei, e estou certo que é podente para custodiar ata aquel día o depósito que me confiou. 13  Mantén coma regra as palabras saudables que me escoitaches verbo da fe e da caridade de Cristo Xesús. 14  Garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós. 15  Saberás que me plantaron tódolos de Asia, entre eles Fíxelo e Hermóxenes. 16  Concédalle o Señor misericordia á familia de Onesíforo, que me tivo animado moitas veces e non se avergoñou de que eu fora un preso. 17  Aínda máis, cando cheguei a Roma, axiña me buscou e atopoume: 18  que o Señor lle conceda acha-la súa misericordia naquel día. E cantos servicios fixo en Éfeso coñécelos ti mellor ca min.

Notas ó pé