Eclesiastés (Qohélet) 10:1-20

10  “Unha mosca morta fai feder un perfume de marca”, e un pouco de Tolemia custa máis caro có saber e a gloria.  “Se o Sabio dirixe a mente para a dereita o Tolo faino para a esquerda”.  Por onde queira que camiñe o Parvo, fáltalle siso: vai proclamando a todo o mundo que está tolo.  Se a xenreira do que manda se dirixe contra ti, non déixe-lo teu posto, xa que: “A mansedume sanda grandes erros”.  Vin que hai un mal baixo o sol, unha especie de falta que ten orixe no soberano:  Un inepto posto en altos cargos, mentres que os aptos e capaces sentan por debaixo.  Vin servos de a cabalo e principais camiñando coma servos pola terra.  “O que cava unha foxa, pode caer nela e quen derruba un muro pode ser mordido pola cobra”.  “Quen pica pedras pódese ferir con elas, quen parte leña pódese mancar con ela”. 10  “Cando o ferro se embota (por non lle afia-lo gume),cómpre facer máis forza”, mais é unha vantaxe empregar ben a habilidade. 11  “Cando a serpe pica antes do esconxuro, de nada vale o esconxurador”. 12  “As verbas da boca do Sabio son axeitadas, os labios do Tolo son os que o perden”; 13  o seu exordio xa é unha parvada e a súa peroración, un fatal desvarío, 14  e conste que o Tolo fala abondo. Con todo, o home non sabe o que vai suceder, e ¿quen lle contará o que virá despois del? 15  ¿Cando por fin ficará canso o Tolo no seu esforzo se nin sequera dá co camiño para a vila? 16  ¡Ai de ti, terra onde o rei é un monifate, e onde os ministros esmorgan desde a alba! 17  ¡Benia ti, terra na que o rei é un notable, e onde os ministros xantan ás súas horas!, barís, non bébedos. 18  “Por neglixencias afúndense as trabes do teito, por mans nugallás pinga toda a casa”. 19  Para folgar fanse os banquetes, e o viño aleda a vida, e o diñeiro concede todo. 20  ¡Non renegues do rei nin en pensamento! ¡Non fales mal do rico nin na alcoba! Pois ata os paxaros do ceo lle irán co conto, e mesmo os seres alados comadrean.

Notas ó pé