Eclesiastés (Qohélet) 5:1-20

5  (4:17) Ten conta dos teus pasos cando vaias á casa de Deus: “Achegarse para escoitar é mellor có moito sacrificar dos alpabardas”, pois a eses fáltalles siso mesmo para face-lo mal.  (5:1) Non te precipites coa túa boca; non se che apure o pensamento ó presentares ante Deus o teu afán. Pois Deus está no ceo e ti na terra: ¡sexan poucas as túas verbas!  (5:2) Xa que: “No moito se ocupar, vén o sono e nas moitas palabras, a voz do necio”.  (5:3) Se fas unha promesa a Deus non te demores en cumprila. A Deus non lle compracen os badocos: o que prometiches, ¡cúmpreo!  (5:4) “Mellor é non prometer que prometer e non cumprir”.  (5:5) Non deixes que a túa boca leve o teu corpo a un erro, e non digas despois ó ministro sagrado: equivoqueime. ¿Por que dar motivo para que Deus se irrite polo que dixeches, e destrúa as obras das túas mans?  (5:6) Pois: “Onde abundan os soños e as moitas lixeirezas, alí se atopa o exceso de palabras”. ¡Teme a Deus, logo!  (5:7) Se ollares na bisbarra ó pobre asoballado, e violados o dereito e a xustiza, ¡non te asombres do asunto! “Un home nun posto alto vixía ó outro e aínda teñen por riba deles ós seus maiores”.  (5:8) E, a pesar de todo, sempre é de interese para un país ter un rei que controle a agricultura. 10  (5:9) “O que ama o diñeiro non se dá farto del, e a quen ama a riqueza non o sacian ganancias”; e tamén isto é vaciedade. 11  (5:10) “Co aumento de fortuna, moreas de comensais”, e ¿que proveito tira o seu dono, á parte de vela cos seus ollos? 12  (5:11) “Doce é o sono do obreiro, coma pouco ou coma moito”, mais a fartura tóllelle a paz ó rico e non dorme. 13  (5:12) Hai un mal de adoecer que eu contemplei baixo o sol: riquezas aforradas por alguén para o seu propio dono. 14  (5:13) A un tal pérdeselle por un casual a facenda nun mal negocio, e o fillo que lle naceu fica coas mans baleiras, 15  (5:14) e: “Como saíu do ventre da súa nai, volta espido como veu”. Non pode levar consigo dos seus bens, nin o que cabe na palma da man. 16  (5:15) Tamén esa é cativa sorte, o terse de ir como se veu. ¿Que vantaxe tirou do seu traballar para o vento? 17  (5:16) Tódolos días comendo ás agachadas, e por enriba tantas mágoas, doenzas e xenreiras. 18  (5:17) Velaí, por tanto, o que eu considero o mellor: o que ten conta é comer e beber e gozar da felicidade co que se gañou fatigándose baixo o sol, nos días contados que lle concede Deus a un. Pois tal é a súa herdanza. 19  (5:18) Que a un home lle dea Deus riqueza e bon vivir, e lle permita comer do seu disfrutando da sorte e aledándose co que posúe, iso si que é don de Deus. 20  (5:19) Non se porá xa tanto a matinar nos días que vai vivir, pois dálle Deus ocupación coa ledicia interior.

Notas ó pé