Levítico 15:1-33
15 Faloulles o Señor a Moisés e Aharón:
2 —“Faládelles ós fillos de Israel e dicídelles: Calquera que padeza gonorrea, será impuro pola súa secreción.
3 Esta será a súa impureza por mor da súa secreción, tanto se fose exterior como se quedase retida: será impuro.
4 Todo leito no que se deite o enfermo de gonorrea, será impuro; e todo banco no que se sente, será impuro.
5 Calquera que toque o seu leito, terá que lava-la súa roupa, e bañarase, quedando impuro ata a tarde.
6 Quen se sente no banco no que se sentou o que padece a enfermidade, lavará a súa roupa e bañarase en auga: quedará impuro ata a tarde.
7 O que toque o corpo do que padece o fluxo, lavará a súa roupa e bañarase: quedará impuro ata a tarde.
8 Cando o que padece fluxo cospe contra unha persoa pura, esta terá que lava-la súa roupa e bañarse en auga, e quedará impura ata a tarde.
9 Calquera que monte no cabalo no que montara o contaxiado de gonorrea, será impuro.
10 Calquera que toque algunha cousa que estivo debaixo del, será impuro ata a tarde; e, o que as leve ó lombo, lavará a súa roupa e bañarase en auga, quedando impuro ata a tarde.
11 Todo aquel a quen toque o enfermo sen lavar ben as súas mans, lavará a súa roupa, bañarase en auga, quedando impuro ata a tarde.
12 O vaso de barro que teña tocado o infectado será esnaquizado, e todo obxecto de pau deberá ser lavado con auga.
13 Cando o enfermo de gonorrea sexa purificado da súa impureza, contará para si sete días desde a súa purificación: lavará a súa roupa, bañará o seu corpo en auga corrente, e quedará puro.
14 No día oitavo collerá dúas rulas ou dous pombiños, irá diante do Señor á entrada da Tenda do Encontro, e entregarallos ó sacerdote.
15 O sacerdote fará con un deles o sacrificio expiatorio e co outro un holocausto, expiando por el ante o Señor, por causa da súa gonorrea.
16 O home que teña unha polución, lave con auga todo o seu corpo, e quedará impuro ata a tarde.
17 Calquera tecido ou pelica na que caia seme, será lavada con auga, e quedará impura ata a tarde.
18 Cando un home e unha muller teñen relacións sexuais, lavaranse con auga, e quedarán impuros ata a tarde.
19 A muller que teña a menstruación, será aillada durante sete días. Calquera que a toque, quedará impuro ata a tarde.
20 Calquera que se deite onde estivo ela durante o seu aillamento, será impuro, e quen se sente no mesmo sitio, quedará impuro.
21 Calquera que toque no leito dela, lavará a súa roupa, bañarase en auga, e quedará impuro ata a tarde.
22 Quen toque nas cousas nas que se sentou ela, lavará a súa roupa, bañarase en auga, e quedará impuro ata a tarde.
23 E quen se sente sobre o leito ou enriba de algo no que ela se sentou, con tal que o toque quedará impuro ata o serán.
24 Pero, se un home se deita con ela, mentres está ela no tempo do seu fluxo, quedará impuro durante sete días, e todo o leito no que se deitaron quedará impuro.
25 A muller que padeza fluxo de sangue moitos días fóra dos que acostuma, ou que ten fluxo ademais do da menstruación, tódolos días do fluxo será impura, coma nos días da menstruación.
26 O leito no que se deita tódolos días do seu fluxo, será para ela coma o leito da súa menstruación, e toda cousa na que se sente será impura coma na impureza do tempo do seu aillamento.
27 Calquera que a toque, será impuro, terá que lava-la súa roupa, bañarse en auga e quedará impuro ata a tarde.
28 Se se purifica do seu fluxo, contará para si sete días, e despois quedará pura.
29 No día oitavo collerá dúas rulas ou dous pombiños, e levarallos ó sacerdote á entrada da Tenda do Encontro.
30 O sacerdote fará con un deles o sacrificio expiatorio e co outro o holocausto. Fará a expiación por ela diante do Señor, por causa da impureza do seu fluxo.
31 Arredaréde-los fillos de Israel da súa impureza, para non morrerdes por culpa dela, nin profanárde-lo meu tabernáculo, que está no medio voso.
32 Esta é a lei acerca do que padece gonorrea ou ten polución que o fagan impuro,
33 acerca da que está coa menstruación; é dicir, de todo aquel que padece fluxo, sexa home ou muller, e de todo home que se deite cunha muller impura”.