Levítico 16:1-34
16 O Señor faloulle a Moisés despois da morte dos dous fillos de Aharón, que morreran ó se aproximaren diante do Señor.
2 Díxolle o Señor a Moisés: —“Dille a Aharón, teu irmán, que non entre a toda hora no santuario, máis alá do veo, que está diante do propiciatorio que tapa a arca, para que non teña que morrer, porque me lle hei aparecer na nube enriba do propiciatorio.
3 Esta é a maneira como Aharón terá que entrar no santuario: Ofrecerá un xuvenco para o sacrificio expiatorio, e un carneiro para o holocausto.
4 Vestirá unha túnica sagrada de liño, e calzóns tamén de liño no seu corpo, cinguirase cunha faixa de liño e envolverá a cabeza cun pano de liño. Vestirá estas roupas sagradas despois de bañar en auga todo o seu corpo.
5 Recibirá da comunidade de Israel dous chibos para o sacrificio expiatorio e un carneiro para o holocausto.
6 Primeiro ofrecerá Aharón o xuvenco polo propio pecado e polo da súa familia.
7 Collerá logo os dous chibos e poraos diante do Señor á porta da Tenda do Encontro.
8 Botará sortes sobre os dous chibos. Un tocaralle por sorteo ó Señor e o outro a Azazel.
9 Aharón ofrendará como sacrificio expiatorio o que lle tocou ó Señor.
10 E o que lle tocou a Azazel presentarao vivo diante do Señor, para expiar por el e mandarallo a Azazel ó deserto.
11 Entón presentará Aharón o xuvenco polo pecado propio.
12 Despois collerá o incensario, cheo de brasas do lume que arde enriba do altar diante do Señor, e, enchendo as súas mans de incenso aromático moído, entrará con todo máis aló do veo.
13 Botará o incenso no lume diante do Señor, para que a nube do perfume envolva o propiciatorio, que está sobre a arca do testemuño, e non teña que morrer.
14 Despois collerá do sangue do xato, e cos seus dedos asperxerá por riba da tapa do propiciatorio de cara ó abrente, e diante do propiciatorio hisopará sete veces o sangue cos seus dedos.
15 Matará o chibo expiatorio que lle toca ó pobo e levará o sangue do chibo desde o templo para detrás do veo. Fará con el o mesmo que fixera co sangue do xuvenco, asperxendo enriba e por diante do propiciatorio.
16 Desta maneira purificará o santuario da impureza dos fillos de Israel e das súas prevaricacións e de tódalas variedades dos seus pecados. Fará o mesmo coa Tenda do Encontro, situada no medio das impurezas deles.
17 Ninguén poderá estar na Tenda do Encontro, namentres el está dentro facendo a purificación do santuario, ata que saia despois de expiar por si, pola súa familia e por toda a comunidade de Israel.
18 Sairá de cara ó altar, que está diante do Señor, e fará a súa purificación: collerá do sangue do xuvenco e do sangue do chibo, e verterao arredor nas esquinas do altar.
19 Asperxerá enriba del o sangue cos dedos sete veces, purificándoo e santificándoo das impurezas dos fillos de Israel.
20 Feita a purificación do santuario, da Tenda do Encontro e do altar, presentará o chibo vivo.
21 Aharón imporá as súas mans sobre a cabeza do chibo, confesando tódalas prevaricacións e tódalas iniquidades e tódolos pecados dos fillos do Israel, cargándollos enriba da cabeza e despois mandarao, levado pola man dun home axeitado, para o deserto.
22 O chibo levará enriba de si tódalas iniquidades para unha terra erma, e o que o leve soltará o chibo no deserto.
23 Despois Aharón entrará na Tenda do Encontro, espirá a roupa de liño que vestira antes de entrar no santuario, e deixaraa alí.
24 Despois de baña-lo seu corpo con auga no lugar santo e de vesti-la súa roupa ordinaria, sairá e ofrecerá o seu propio holocausto e mailo do pobo: expiará por si mesmo e polo pobo,
25 queimando a graxa da víctima de expiación enriba do altar.
26 O home que levou o chibo a Azazel, lavará a súa roupa, bañará o seu corpo con auga, e despois diso poderá entrar no campamento.
27 O xuvenco e mailo chibo do sacrificio expiatorio, dos que se introducira o sangue no santuario, para a expiación, serán levados fóra do campamento e queimaranse no lume o coiro, carne e excrementos.
28 Aquel que os queima lavará despois a súa roupa e bañará o seu corpo con auga. Despois diso poderá entrar no campamento.
29 Esta será para vós unha lei perpetua: no sétimo mes, no día décimo do mes debédesvos mortificar e privarvos de facer ningún traballo, tanto os nativos coma os forasteiros, que peregrinan no medio de vós.
30 Porque é o día de vos purificardes, para quedar puros de tódolos vosos pecados diante do Señor.
31 É un repouso solemne, debédesvos mortificar. É unha lei perpetua.
32 Fará a expiación o sacerdote que foi unxido, o que foi investido do sacerdocio en lugar de seu pai, e vestirá as roupas sagradas de liño,
33 purificará o santuario, a Tenda do Encontro e o altar. Expiará polos sacerdotes e por toda a xente da comunidade.
34 Será para vós estatuto perpetuo, para que tódolos fillos de Israel se purifiquen unha vez por ano de tódolos seus pecados. E fíxose como lle mandara o Señor a Moisés”.