Levítico 17:1-16

17  Faloulle o Señor a Moisés:  —“Fálalle a Aharón e ós seus fillos e a tódolos israelitas e dilles: Esta é a orde, que vos dá o Señor nestas palabras:  todo israelita que mate un boi, un año ou unha cabra no campamento ou fóra do campamento,  sen o presentar antes na entrada da Tenda do Encontro, para o ofrecer en sacrificio ó Señor diante do seu tabernáculo, seralle imputado como delito de sangue por ter vertido sangue. Ese home será exterminado do medio do seu pobo.  Por iso os israelitas han de leva-las víctimas que adoitan ofrecer no campo, presentalas ó sacerdote á entrada da Tenda do Encontro, e ofrendalas ó Señor como sacrificio de comunión.  O sacerdote asperxerá co sangue o altar do Señor, que está á entrada da Tenda do Encontro e fará queima-la graxa como aroma agradable para o Señor.  Non ofrecerán sacrificios ós sátiros cos que se prostitúen. Lei perpetua será esta para vós por tódalas xeracións.  Diraslles tamén: todo individuo da familia de Israel ou dos estranxeiros que moran no medio de vós, cando ofrece un holocausto ou un sacrificio,  e non o leva á porta da Tenda do Encontro, para o sacrificar en honor do Señor, será exterminado do medio do seu pobo. 10  Enfrontareime con calquera individuo da familia de Israel ou estranxeiro residente no medio voso, que coman sangue, e exterminareinos do seu pobo. 11  Pois a vida do corpo está no sangue, e eu dóuvolo para expiar con el sobre o altar polas vosas vidas. Porque é o sangue o que purifica a persoa. 12  Por esta razón díxenlles ós fillos de Israel: Nin vós nin os estranxeiros que moran convosco comeredes sangue. 13  Calquera israelita ou estranxeiro residente no medio de vós que cace algún animal ou ave dos que se poden comer, e verte o seu sangue, deberao tapar con terra. 14  Pois, sendo a vida de toda carne o seu sangue, eu díxenlles ós fillos de Israel: Non comeréde-lo sangue de ningunha carne, porque a vida de toda carne é o seu sangue: quenquera que o coma será exterminado. 15  Toda persoa nativa ou estranxeira que coma da carne dun animal morto ou esnaquizado, lavará a súa roupa, bañarase en auga, e quedará impuro ata a tarde; despois será puro. 16  Pero se non se lava nin baña o seu corpo, cargará coa súa culpa”.

Notas ó pé