Levítico 26:1-46

26  Non vos fabricaredes deuses, nin esculturas, nin imaxes, nin levantaredes estatuas de pedra. Na vosa terra non as levantaredes para as adorar, pois eu son o Señor, o voso Deus.  Gardaréde-los sábados e terédeslle moito respecto ó meu santuario. Eu son o Señor.  Se camiñades conforme os meus mandatos e gardáde-las miñas ordes e as cumprides,  heivos manda-las chuvias no seu tempo, a terra havos de da-las súas colleitas e as árbores do campo os seus froitos.  As mallas durarán ata a vendima, e a vendima xuntarase coa sementeira: comeredes a fartar e viviredes en seguranza na vosa terra.  Eu porei paz no voso país, durmiredes sen medo e arredarei de onda vós toda caste de terror. Afastarei da vosa terra toda fera nociva e non pasará a espada polo voso país.  Perseguiréde-los vosos inimigos, que caerán a fío da espada diante de vós.  Cinco de vós perseguirán a cen, e cen de vós farán fuxir a milleiros, e os vosos inimigos caerán a fío da espada diante de vós.  Volverei os meus ollos cara a vós, fareivos prosperar e inzar, e confirmarei a miña alianza convosco. 10  Habedes comer da vella colleita ben madura, e aínda teredes que desbota-la vella para garda-la nova. 11  Porei a miña moradía no medio das vosas e non me alporizarei máis convosco. 12  Andarei entre vós, serei o voso Deus e vós seréde-lo meu pobo. 13  Eu son o Señor, o voso Deus, que vos saquei do país de Exipto, para vos liberar da escravitude, rompendo as cordas do voso xugo, e fíxenvos camiñar coa fronte ergueita. 14  Se non me escoitades e non cumprides todos estes meus mandatos, 15  se non facedes caso dos meus estatutos e detestáde-los meus preceptos non os cumprindo e faltando á alianza que me xurastes, 16  eu farei o mesmo convosco tamén e mandarei contra vós o espanto, a febre e a peste, que ensumirá os vosos ollos, e doenzas que vos acabarán coa vida. Faredes en balde a vosa sementeira, pois os vosos inimigos comerán os froitos. 17  Porei o meu rostro contra vós e caeredes diante dos vosos inimigos; dominaránvo-los que vos odian e fuxiredes sen que ninguén vos persiga. 18  Se aínda despois de todo isto non me escoitades, engadirei sete veces máis para vos corrixir dos vosos pecados. 19  Humillarei o voso orgullo testán e farei que o ceo se vos converta en ferro, e a vosa terra en bronce. 20  Serán vans tódolos vosos esforzos, a terra non vos dará colleita e as árbores non vos darán o seu froito. 21  E se me seguides facendo a contra e non me queredes escoitar, engadirei a todo isto sete veces máis para vos corrixir dos vosos pecados. 22  Mandarei contra vós as feras do campo, que vos han deixar orfos, mataránvo-lo gando deixándoo decimado, e quedarán ermos os vosos camiños. 23  E se aínda con estas cousas non escarmentades e me seguides resistindo, 24  tamén eu me hei pór contra vós e vos hei castigar sete veces máis por causa dos vosos pecados. 25  Farei vir contra vós unha espada vingadora da miña alianza. Teimaredes por vos refuxiar nas vosas cidades, pero heivos mandar unha peste e caeredes nas mans dos vosos inimigos; 26  e cando eu esnaquice a medida do pan, dez mulleres cocerán o voso pan nun só forno, e daránvolo taxado e comeredes, pero non vos fartaredes. 27  E se aínda con isto non me escoitades e seguides levándome a contra coa vosa conducta, 28  heivos tratar con moita máis ira e heivos castigar sete veces máis polos vosos pecados. 29  Chegaredes a ter que come-la carne de vosos propios fillos, alimentarvos coa carne de vosas fillas. 30  Derrubarei os vosos altares e esnaquizarei as imaxes dos vosos ídolos; porei enriba dos anacos os vosos cadáveres e terei noxo de vós. 31  Farei que as vosas cidades queden ermas e destruirei os vosos santuarios e non aspirarei o recendo dos vosos holocaustos. 32  Asolarei o voso país e mesmo os vosos inimigos, cando entren a ocupalo, ficarán abraiados ó veren o estado en que quedou. 33  Dispersareivos por entre os pobos e farei que vos persiga a espada. A vosa terra quedará erma e as vosas vilas abandonadas. 34  Entón a vosa terra desquitarase dos seus sábados, durante o tempo todo da devastación, namentres vós teredes que morar na terra dos vosos inimigos: 35  entón a terra repousará e desquitarase por tódalas veces que non a deixastes repousar, cando non gardáste-los sábados mentres morastes nela. 36  Ós que sobrevivan de vós, fareinos tan medoñentos no país dos seus inimigos onde moraren, que fuxirán co ruído dunha folla, correndo coma quen escapa da espada, e caerán sen que ninguén vaia tras eles. 37  Tropezarán uns cos outros, coma se fuxisen da espada, sen que os persiga ninguén, e non haberá quen vos levante de diante dos vosos inimigos. 38  Pereceredes entre os xentís e comerávo-la terra dos vosos inimigos. 39  Os que sobrevivan de entre vós podrecerán en terra inimiga por causa dos seus pecados e polos pecados dos seus devanceiros. 40  Terán que confesa-lo seu erro e o erro de seus pais, polas ofensas que me fixeron e pola obstinación con que me levaron a contra. 41  Por iso tamén eu tiven que me comportar con eles, opóndome e desterrándoos a un país inimigo. Entón humillarase o seu corazón incircunciso e expiarán a súa culpa. 42  Recordarei a miña alianza con Xacob, con Isaac e con Abraham, e lembrareime tamén da terra. 43  Pero antes a terra estará abandonada deles e desquitarase dos seus sábados, cando a teñan que deixar erma. Así expiarán eles as súas culpas, porque desprezaron os meus mandatos e non fixeron caso dos meus decretos. 44  Así e todo, mesmo cando estean eles en país inimigo, non os rexeitarei, nin terei noxo deles para os facer desaparecer, rompendo a miña alianza con eles, porque eu son o Señor, o seu Deus. 45  En favor deles hei recorda-la miña primeira alianza, cando os saquei do país de Exipto á vista das nacións para se-lo seu Deus. Eu son o Señor”. 46  Estes son os decretos, mandamentos e preceptos, que o Señor estableceu entre el e os fillos de Israel no monte Sinaí por medio de Moisés.

Notas ó pé