Números 11:1-35
11 Aconteceu que o pobo comezou a queixarse a oídas do Señor. Oeuno o Señor, e alporizouse. O lume do Señor acendeuse contra aquel, e devorou un extremo do campamento.
2 O pobo clamou entón a Moisés; Moisés orou ó Señor, e o lume apagouse.
3 Chamouse aquel lugar co nome de Incendio, porque alí se acendera contra eles o lume do Señor.
4 O xentío alporizado, que ía no medio do campamento, devecía por alimentos, e os fillos de Israel comezaron de novo a chorar dicindo: —“¿Quen nos dará carne para comer?
5 Lembrámonos do peixe, que de balde comiamos en Exipto, dos pepinos, dos melóns, dos allos porros, das cebolas e dos allos.
6 Agora, en troques, témo-la gorxa seca; non temos nada; soamente temos diante dos ollos o maná”.
7 O maná era como a semente de coriandro, da cor do bedelio.
8 O pobo espallábase para o recoller; despois moíano ou esmagábano nos morteiros e cocíano nunha ola e facían del tortas dun sabor semellante ó dun pan amasado con aceite.
9 Cando de noite caía o rocío sobre o campamento, caía tamén o maná sobre el.
10 Oiu Moisés ó pobo chorando en familias, cada un á porta da súa tenda, e a cólera do Señor acendeuse fortemente. Nos ollos de Moisés apareceu a carraxe,
11 e queixouse ó Señor con estas palabras:
—“¿Por que me tratas tan mal a min, o teu servo? E ¿por que non acado gracia ós teus ollos? ¿Por que botas enriba de min o peso de todo este pobo?
12 ¿Son eu por ventura quen concibiu a todo este pobo? ¿Son eu quen o deu a luz, para que me digas: Lévao no teu seo, como leva unha ama o seu neno de peito, á terra que ti prometiches con xuramento a seus pais?
13 ¿De onde saco eu a carne para lle dar a tanta xente coma esta? Pois están a chorar, dicindo: ¡Dános carne para comermos!
14 Eu só non podo soportar todo este pobo, pois é moito máis pesado do que eu podo.
15 Se ti me tratas a min así, é mellor que me mates, tírame a vida, pídocho de favor, se atopei gracia ós teus ollos, para que deste modo non vexa eu tanto mal”.
16 O Señor respondeulle a Moisés:
—“Xúntame setenta homes de entre os anciáns de Israel, dos que ti saibas que son anciáns do pobo e conselleiros. Lévaos diante da Tenda do Encontro, e que estean contigo.
17 Eu baixarei e falarei contigo alí; tomarei do espírito que hai sobre ti e meteréillelo a eles, para que leven contigo o peso do pobo, e non o leves ti só.
18 E ó pobo diraslle: Santificádevos para mañá, pois comeredes carne, xa que chorastes ós oídos do Señor, dicindo: ¿Quen nos dará carne para comermos? ¡Nós estabamos ben no Exipto! O Señor daravos carne para que comades.
19 Non só ides comer carne un día, nin dous, nin cinco, nin dez, nin vinte días,
20 senón un mes enteiro, ata que vos saia polo nariz e vos resulte noxenta, por canto rexeitáde-lo Señor, que está no medio de vós, e chorastes na súa presencia, dicindo: ¿Por que saímos nós do Exipto?”.
21 Moisés respondeu:
—“Este pobo, no medio do cal eu estou, conta 600.000 de a pé, ¿e ti dis: heilles dar carne e han comer un mes enteiro?
22 Se se matasen para eles ovellas e bois, ¿serían abondos? Se se xuntasen para eles tódolos peixes do mar, ¿seríanlles suficientes?”
23 O Señor respondeulle a Moisés:
—“¿Por ventura é impotente a man do Señor? ¡Agora vas ver por ti mesmo, se se cumpre ou non a miña palabra!”
24 Saíu Moisés entón e transmitiulle ó pobo as palabras do Señor. Logo xuntou setenta homes dos anciáns do pobo e fíxoos pór de pé ó redor da Tenda.
25 Descendeu o Señor nunha nube e faloulle a Moisés; despois tomou do espírito que había nel e infundíullelo ós setenta anciáns. En canto o espírito repousou sobre eles, puxéronse a profetizar; pero nunca máis o volveron facer.
26 Quedaran no campamento dous homes, un deles chamado Eldad e o outro Medad. O espírito repousou tamén sobre eles, pois figuraban entre os inscritos, aínda que non saíran para a Tenda, e profetizaron no campamento.
27 Un rapaz correu a comunicarllo a Moisés, dicindo: —¡Eldad e Medad profetizan no campamento!
28 Entón Xosué, fillo de Nun, ministro de Moisés, escolleito por el, díxolle:
—“¡Meu Señor, Moisés, prohíbellelo!”
29 Mais Moisés respondeulle:
—“¿Tes celos por min? ¡Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!”
30 Logo Moisés voltou para o campamento, el e os anciáns de Israel.
31 Levantouse de seguida un vento enviado polo Señor, que trouxo paspallás da outra banda do mar. Deixounos caer sobre o campamento, nunha estensión como dun día de camiño por unha banda, e como dun día de camiño pola outra, todo ó redor do campamento, e uns dous cóbados sobre a superficie da terra.
32 O pobo dedicouse todo aquel día, toda a noite e todo o día seguinte a recoller paspallás. O que menos, recolleu dez cargas deles, e fóronos esparexendo para si ó redor do campamento.
33 Aínda tiñan a carne entre os dentes, aínda non a tiñan mascada, cando se acendeu a cólera do Señor contra o pobo e fixo na xente unha grandísima praga.
34 Chamóuselle a aquel lugar co nome de Quibrot Hatavah (tumba da concupiscencia), por canto alí enterraron ó pobo concupiscente.
35 De Quibrot Hatavah partiu o pobo a Haserot, e en Haserot detívose.