Números 13:1-33

13  Faloulle o Señor a Moisés:  —“Manda homes que che exploren o país de Canaán, que eu lles vou dar ós fillos de Israel; un home por cada unha das tribos de seus pais; serán tomados entre os príncipes.  Enviounos, pois, Moisés desde o deserto de Parán, segundo a orde do Señor. Todos eles eran xefes entre os fillos de Israel.  Estes eran os seus nomes: Pola tribo de Rubén, Xamúa, fillo de Zacur.  Pola tribo de Simeón, Xafat, fillo de Horí.  Pola tribo de Xudá, Caleb, fillo de Iefuneh.  Pola tribo de Isacar, Igal, fillo de Xosé.  Pola tribo de Efraím, Xosué, fillo de Nun.  Pola tribo de Benxamín, Paltí, fillo de Rafú. 10  Pola tribo de Zebulón, Gadiel, fillo de Sodí. 11  Pola tribo de Xosé, tribo de Menaxés, Gadí, fillo de Susí. 12  Pola tribo de Dan, Amiel, fillo de Guemalí. 13  Pola tribo de Axer, Setur, fillo de Micael. 14  Pola tribo de Naftalí, Nahbí, fillo de Volfsí. 15  Pola tribo de Gad, Guenel, fillo de Maquí. 16  Estes son os nomes dos varóns que enviou Moisés a explora-lo país. E Moisés a Hoxeas, fillo de Nun, cambioulle o nome polo de Xosué. 17  Moisés enviounos a explora-lo país de Canaán, e díxolles: —“Subide polo deserto e escalade logo a montaña. 18  Ollaredes ben a terra, como é, e o pobo que nela habita: se é forte ou feble, se escaso ou numeroso; 19  e tamén como é a terra na que habita: se é boa ou mala; e como son as cidades nas que mora: se abertas ou fortificadas; 20  e como é o terreo: se fértil ou estéril, se hai nel árbores ou non. ¡Animádevos e collede froitos da terra!” Era entón o tempo das uvas temperás. 21  Subiron, logo, e exploraron o país desde o deserto de Sin ata Rehob, camiño de Hamat. 22  Subiron polo Négueb e chegaron a Hebrón, onde estaban Ahimán, Xexai e Talmai, descendentes de Anac. Hebrón fora edificada sete anos antes ca Soán do Exipto. 23  Logo chegaron ó Val do Acio, onde cortaron un acio de uvas, que cargaron entre dous mediante unha vara, e granadas e figos. 24  A aquel lugar chamóuselle Val do Acio, porque alí o cortaran os fillos de Israel. 25  Volveron da exploración da terra, pasados corenta días. 26  Chegaron xunto a Moisés e Aharón e toda a comunidade dos fillos de Israel, no deserto de Parán, en Cadex, e déronlles conta a eles e a toda a asemblea mostrándolle-los froitos do país. 27  E contaron: —“Fomos á terra, onde ti nos enviaches: verdadeiramente é un país que deita leite e mel. ¡Ei-los seus froitos! 28  Pero o pobo que habita o país é forte, e as cidades, fortificadas e moi grandes. Alí vimos tamén os descendentes de Anac. 29  Amalec habita no país do Négueb; o hitita, o iebuseo e o amorreo habitan na montaña, e o cananeo mora onda o mar e na beira do Xordán”. 30  Entón Caleb tratou de apacigua-lo pobo, que murmuraba contra Moisés, e exclamou: —“¡Subamos sen medo e apoderémonos do país, porque nós podemos con eles!” 31  Mais os homes que subiran con el, dixeron: —“Non podemos subir contra ese pobo, pois é máis forte ca nós”. 32  E desacreditaban ante os fillos de Israel a terra que exploraran, dicindo: —“O país por onde pasamos, ó facérmo-la exploración, é un país que devora os seus habitantes, e toda a poboación que vimos no medio del son homes de estatura moi grande. 33  Alí vimos xigantes descendentes de Anac, raza de xigantes, e resultabamos, ós nosos propios ollos, coma saltóns, e o mesmo lles debiamos parecer tamén a eles”.

Notas ó pé