Números 19:1-22
19 Díxolles o Señor a Moisés e Aharón:
2 —“Esta é a lei que preceptuou o Señor: Dilles ós fillos de Israel que collan para ti unha vaca vermella sen defecto, que non teña defecto ningún e que aínda nunca foi xunguida.
3 Entregarédela ó sacerdote Elazar, que a levará fóra do campamento, e será inmolada na súa presencia.
4 O sacerdote Elazar tomará sangue dela co seu dedo e asperxerá co sangue sete veces en dirección á parte anterior da Tenda do Encontro.
5 Logo fará queima-la vaca diante dos seus ollos; a pel dela, a súa carne e o seu sangue xunto co seu excremento, será todo queimado.
6 O sacerdote collerá leña de cedro, hisopo e púrpura escarlata, e botaraos no medio da fogueira da vaca.
7 Lavará despois os seus vestidos, bañará o seu corpo na auga e volverá logo ó campamento, pero quedará impuro ata a tarde.
8 E aquel que queime a vaca tamén lavará a súa roupa e bañará o seu corpo en auga e quedará impuro ata a tarde.
9 Un home puro recollerá as cinsas da vaca e depositaraas fóra do campamento, en lugar puro, onde se gardarán para a comunidade dos fillos de Israel, a fin de facer auga lustral. É un sacrificio polo pecado.
10 Logo o que recolleu as cinsas da vaca, lavará os seus vestidos e quedará impuro ata a tarde. Esta será a lei perpetua tanto para os fillos de Israel como para o forasteiro que mora no medio deles.
11 O que toque o cadáver de calquera ser humano, quedará impuro por sete días.
12 Terase que lavar con aquela auga o día terceiro e no sétimo día, e quedará puro. Mais se non se lava no día terceiro e no dia sétimo, non quedará puro.
13 Quen toque o cadáver dunha persoa, se non se purifica, profanou a morada do Señor, e ese tal terá que ser exterminado de Israel, porque a auga lustral non caeu sobre el: é impuro, e a súa impureza ficará sobre el.
14 Esta é a lei: Cando un home morra nunha tenda, todo o que na tenda entre e canto na tenda exista, será impuro durante sete días.
15 E todo vaso descuberto que non teña a tapa ben atada, será impuro.
16 Calquera que no campo toque unha víctima da espada, ou un morto, ou ósos de home, ou unha tumba, será impuro sete días.
17 Para este home impuro collerase cinsa da fogueira do sacrificio polo pecado, e sobre ela verterase auga corrente dentro dun vaso.
18 Logo un home puro collerá hisopo, mollarao na auga e asperxerá a tenda, así como tódolos utensilios e persoas que alí haxa, como tamén a quen tocou os ósos, a víctima, o morto ou a tumba.
19 O home puro asperxerá o inmundo no terceiro dia e no día sétimo; no sétimo día darao purificado, e entón lavará os seus vestidos e bañarase en auga, e á tarde quedará puro.
20 Pero se o home que é impuro non se purifica, deberá ser botado do medio da comunidade, por contamina-lo santuario do Señor; as augas lustrais non foron asperxidas sobre el, está impuro.
21 Esta será unha lei perpetua para eles. O que asperxeu auga lustral, terá que lava-los seus vestidos; e o que foi tocado coa auga lustral será impuro ata a tarde.
22 Todo o que toque a quen é impuro, quedará impuro; e toda persoa que o toque a el, quedará impura ata a tarde”.