Números 23:1-30
23 Díxolle Balaam a Balac:
—“Edifícame aquí sete altares e prepárame neste lugar sete touros e sete carneiros”.
2 Balac fixo como Balaam dixera e ofreceu un touro e un carneiro sobre cada altar.
3 Logo díxolle Balaam a Balac: —“Fica onda o teu holocausto, mentres eu me afasto; quizais saia o Señor ó meu encontro, e todo o que El me revele, eu comunicareicho”. E marchou a un lugar afastado.
4 Deus saíu ó encontro de Balaam, quen lle dixo: —“Teño preparados os sete altares e ofrecín un touro e un carneiro sobre cada altar”.
5 O Señor puxo unha palabra na boca de Balaam, e dixo: —“¡Torna a Balac, e falaraslle así”.
6 Tornou, pois, a el, e encontrouno de pé onda o seu holocausto, con tódolos príncipes de Moab.
7 Entón pronunciou o seu oráculo:—“Desde Aram faime vir Balac,o rei de Moab desde as montañas do Oriente:
¡Ven, díxome, maldí a Xacob!
¡Ven, impreca a Israel!
8 ¿Como vou maldicir a quen El non maldiciu?
¿Como vou detestar eu a quen non detestou o Señor?
9 En verdade, desde o cume dos penedos eu o vexo,e desde o curuto dos outeiros eu o contemplo:
Velaí un pobo que habita só,e entre as nacións non se conta.
10 ¿Quen puido conta-la multitude de Xacobe quen enumera-la cuarta parte de Israel?
¡Morra eu coa morte dos xustose sexa o meu futuro semellante ó deles!”.
11 Entón Balac díxolle a Balaam:
—“¿Que é o que me fixeches? ¡Para maldici-los meus inimigos fíxente vir, e ti non fas máis que bendicilos!”
12 Balaam respondeulle dicindo: —“¿Por ventura non teño que ter coidado en dicir aquilo que Deus pon nos meus labios?”
13 E díxolle Balac: —“¡Ven, por favor, comigo a outro sitio desde onde poidas velo! Soamente vera-la súa parte extrema, mais todo el non o verás. ¡Maldío desde alí!”
14 Levouno entón ó Campo das sentinelas, no cume do Pisgah, e construíu sete altares, ofrecendo un touro e un carneiro sobre cada altar.
15 E díxolle a Balac: —“Queda aquí onda o teu holocausto, mentres eu saio aí ó encontro”.
16 O Señor veu ó encontro de Balaam, e póndolle a palabra na súa boca, díxolle: —“¡Torna a Balac, e falarás así!”
17 Foi onda el e atopouno de pé onda o seu holocausto, acompañado dos príncipes de Moab. Preguntoulle Balac: —“¿Que che dixo o Señor?
18 Entón el pronunciou o seu oráculo:—“Levántate Balac, e escoita,óeme, fillo de Sipor!
19 Non é Deus home para mentir,nin fillo de home para que se poida desdicir.
¿É El quen di e non fai,ou quen fala e non cumpre?
20 Eu recibín orde de bendicir,bendicín, e non o podo cambiar.
21 Non se viu culpa en Xacob,nen se viu maldade en Israel.
O Señor, o seu Deus, está con el,nel é aclamado coma rei.
22 Deus, que o tirou do Exipto,é para el como a forza do rinoceronte.
23 Non existe maxia en Xacob,nin adiviñacións en Israel.
Ó seu tempo diráselle a Xacobe a Israel o que El vai facer.
24 Eis un pobo que se levanta coma unha leoa,e se ergue coma un león;non se deitará ata que dea devorado a presae o sangue das súas víctimas dea bebido”.
25 Entón Balac díxolle a Balaam:
—“¡Xa que non podes maldicilo, polo menos non o bendigas!”
26 Mais Balaam respondeulle a Balac:
—“¿Non cho anunciei, dicindo: Todo o que o Señor diga, iso hei facer?”
27 Entón Balac díxolle a Balaam:
—“¡Ven, por favor, levareite a outro lugar! ¡Quizais sexa do agrado de Deus que os maldigas desde alí!”
28 E Balac conduciu a Balaam ó cume do Peor, que olla para o deserto.
29 Balaam díxolle a Balac:
—“Constrúeme aquí sete altares e prepárame sete touros e sete carneiros”.
30 Balac fixo conforme Balaam lle indicara, e ofreceu un touro e un carneiro en cada altar.