Números 26:1-65
26 Aconteceu que despois da praga, díxolles o Señor a Moisés e a Elazar, fillo do sacerdote Aharón:
2 —“Facede o censo de toda a comunidade dos fillos de Israel desde os vinte anos para arriba, conforme as súas casas patriarcais, e tódolos aptos para o servicio militar en Israel”.
3 Moisés e mais Elazar, sacerdote, faláronlles, pois, nas planicies de Moab, xunto ó Xordán, preto de Iericó, dicindo:
4 —“Vaise facer un censo desde a idade de vinte anos para arriba, conforme o Señor ordenara a Moisés”.
Os fillos de Israel que saíran do país de Exipto foron:
5 Rubén, primoxénito de Israel. Fillos de Rubén: de Henoc, a familia dos henoquitas; de Palú, a familia dos paluítas;
6 de Hesrón, a familia dos hesronitas; de Carmí, a familia dos carmitas.
7 Tales son as familias dos rubenitas, e o seus alistados foron corenta e tres mil setecentos trinta.
8 Fillos de Palú: Eliab.
9 Os fillos de Eliab: Nemuel, Datán e Abiram, que son os membros do consello da comunidade, que se levantaran contra Moisés e Aharón na sedición de Coré, cando se levantaron contra o Señor.
10 (Entón a terra abriu a súa boca e enguliunos xuntamente con Coré; así morreron os da sedición, devorando o lume douscentos cincuenta homes, para que servisen de escarmento;
11 mais os fillos de Coré non morreron).
12 Fillos de Simeón segundo as súas familias: de Nemuel, a familia dos nemuelitas; de Iamín, a familia dos iaminitas; de Iaquín, a familia dos iaquinitas;
13 de Zérah, a familia dos zarhitas; de Xaúl, a familia dos xaulitas.
14 Tales son as familias dos simeonitas: 22.200.
15 Fillos de Gad segundo as súas familias: de Sefón, a familia dos sefonitas; de Haguí, a familia dos haguitas; de Xuní, a familia dos xunitas;
16 de Ozní, a familia dos oznitas; de Erí, a familia dos eritas;
17 de Arod, a familia dos aroditas; de Arelí, a familia dos arelitas.
18 Tales son as familias dos fillos de Gad conforme os seus alistados: 40.500.
19 Fillos de Xudá: Er e Onán; pero Er e Onán morreron no país de Canaán.
20 Despois os fillos de Xudá, segundo as súas familias foron: de Xelah, a familia dos xelanitas; de Peres, a familia dos peresitas; de Zérah, a familia dos zeranitas.
21 Os fillos de Peres foron: de Hesrón, a familia dos hesronitas; de Hamul, a familia dos hamulitas.
22 Tales son as familias de Xudá conforme os seus rexistros: 76.500.
23 Fillos de Isacar, segundo as súas familias: de Tolá, a familia dos tolaítas; de Puvah, a familia dos puvitas;
24 de Iaxub, a familia dos iaxubitas; de Ximrón, a familia dos ximronitas.
25 Tales son as familias de Isacar, conforme os seus rexistros: 64.300.
26 Fillos de Zebulón segundo as súas familias: de Séred, a familia dos sarditas; de Elón, a familia dos elonitas; de Iahlel, a familia dos iahlelitas.
27 Tales son as familias dos zebulonitas conforme os seus rexistros: 60.500.
28 Fillos de Xosé segundo as súas familias: Menaxés e Efraím.
29 Fillos de Menaxés: de Maquir, a familia dos maquiritas. Maquir xerou a Galaad. De Galaad, a familia dos galaaditas.
30 Estes son os fillos de Galaad: de Iézer, a familia dos iezeritas; de Hélec, a familia dos helquitas;
31 de Asriel, a familia dos asrielitas; de Xequem, a familia dos xequemitas;
32 de Xemidá, a familia dos xemidaítas; de Héfer, a familia dos heferitas.
33 Selofad, fillo de Héfer, non tivo fillos, senón fillas, e os nomes das fillas de Selofad foron: Mahlah, Noah, Hoglah, Milcah e Tirsah.
34 Tales son as familias de Menaxés e os seus rexistrados eran 52.700.
35 Estes son os fillos de Efraím segundo as súas familias: de Xutélah, a familia dos xutelahítas; de Béquer, a familia dos bequeritas; de Táhan, a familia dos tahanitas,
36 fillos de Xutélah: de Erán, a familia dos eranitas.
37 Tales son as familias dos fillos de Efraím conforme os seus rexistros: 32.500. Estes son os fillos de Xosé segundo as súas familias.
38 Fillos de Benxamín segundo as súas familias: de Bela, a familia dos belaítas; de Axbel, a familia dos axbelitas; de Ahiram, a familia dos ahiramitas;
39 de Xufam, a familia dos xufamitas; de Hufam, a familia dos hufamitas.
40 Fillos de Bela foron: Ered e Naamán. De Ered, a familia dos ereditas; e de Naamán, a familia dos naamitas.
41 Tales son os fillos de Benxamín segundo as súas familias, e os seus rexistrados: 45.600.
42 Estes son os fillos de Dan segundo as súas familias: de Xuham, a familia dos xuhamitas. Tales son as familias de Dan segundo as súas familias.
43 Tódalas familias xuhamitas, segundo os seus rexistrados: 64.400.
44 Fillos de Axer segundo as súas familias: de Iemnah, a familia dos iemnaítas; de Iesui, a familia dos iesuítas; de Beriah, a familia dos beriitas.
45 Dos fillos de Beriah: de Héber, a familia dos heberitas; de Malquiel, a familia dos malquielitas.
46 O nome da filla de Axer era Sárah.
47 Tales son as familias dos fillos de Axer conforme ós seus rexistros: 53.400.
48 Fillos de Naftalí segundo as súas familias: de Iahsel, a familia dos iahselitas; de Guní, a familia dos gunitas;
49 de Iéser, a familia dos ieseritas; de Xilem, a familia dos xilemitas.
50 Tales son as familias de Naftalí segundo as súas familias e os seus rexistros, 45.400.
51 Estes son os rexistrados dos fillos de Israel: 601.730.
52 O Señor díxolle a Moisés:
53 —“A estes seralles repartido o país en concepto de herdanza, conforme o número de inscritos.
54 Ós máis numerosos formaraslles unha herdade grande e ós máis pequenos formaraslles unha herdade menor; a cada un daráslle-la súa herdanza conforme os seus rexistrados.
55 Soamente por sorte se repartirá a terra; herdarán segundo os nomes das tribos dos pais.
56 Por sortes repartira-la herdanza, entre o numeroso e o pequeno”.
57 E estes son os rexistrados dos levitas segundo as súas familias: de Guerxón, a familia dos guerxonitas; de Quehat, a familia dos quehatitas; de Merarí, a familia dos meraritas.
58 Tales son as familias de Leví: a familia dos lobnitas, a familia dos hebronitas, a familia dos mahlitas, a familia dos muxitas, a familia dos coreítas. Quehat xerou a Amram.
59 O nome da muller de Amram era Ioquébed, filla de Leví, que lle naceu a Leví en Exipto. Ela xerou a Amram, a Aharón, Moisés e mais a María, súa irmá.
60 A Aharón nacéronlle Nadab, Abihú, Elazar e Itamar.
61 Nadab e Abihú morreron ó ofreceren eles un lume profano ante o Señor.
62 Os seus rexistrados foron 23.000, todos varóns dun mes para arriba. Estes non foran rexistrados entre os fillos de Israel, porque non se repartira herdanza entre eles.
63 Tales son os empadroados por Moisés e Elazar, sacerdote, que fixeron o recensamento dos fillos de Israel nas planicies de Moab, xunto ó Xordán, cerca de Iericó.
64 Entre eles non existía xa ningún dos rexistrados por Moisés e polo sacerdote Aharón, que fixeran o censo dos fillos de Israel no deserto de Sinaí.
65 O Señor dixera deles: —“Morrerán todos no deserto”. De feito, non quedou ningún deles, se non é Caleb, fillo de Iefuneh, e Xosué, fillo de Nun.