Números 4:1-49
4 Díxolles o Señor a Moisés e Aharón:
2 —“Fai o censo dos descendentes de Quehat, entre os fillos de Leví, por familias, segundo as súas casas patriarcais;
3 desde trinta anos para arriba ata a idade de cincuenta anos, todos cantos poidan ir á guerra, e que se encarguen do servicio litúrxico na Tenda do Encontro.
4 Estes serán os servicios dos fillos de Quehat na Tenda do Encontro: as tarefas máis sagradas.
5 Cando se teña que cambia-lo campamento, virán Aharón e seus fillos e farán baixa-la cortina de protección e taparán con ela a Arca da Alianza.
6 E poranlle enriba a cuberta de pel de teixugo e estenderán por riba un pano todo de púrpura violeta e logo colocarán os varais.
7 Cubrirán a mesa da proposición cun pano de púrpura violeta e pousarán por riba as fontes, os pratos, as tazas e as copas de libacións; e o pan perpetuo.
8 Estenderán por riba de todo isto un pano escarlata, que cubrirán cunha cuberta de pel de teixugo, e colocaranlle os varais de transporte.
9 Entón collerán o pano de púrpura violeta e envolverán o candelabro do alumado e as súas lámpadas, as súas tenaces e pinzas e tódolos demais vasos de aceite, dos que se usan no servicio do candelabro.
10 Envolverán todo nun coiro fino e pousarano sobre os varais.
11 Enriba do altar de ouro estenderán un pano de púrpura violeta e taparano cunha pel de teixugo e colocarano nos varais.
12 Collerán tódolos utensilios que se usan no servicio do santuario, colocaranos no pano de púrpura violeta, taparanos coa pel de teixugo e colocaranos sobre os varais.
13 Limparán as cinsas do altar e estenderán enriba o pano de púrpura.
14 Sobre el porán tódolos utensilios usados no servicio: os braseiros, as tenaces, e os tridentes, os garfos e as pás, e tódolos outros utensilios do altar, e estenderán enriba unha pel de teixugo e colocaranlle os varais.
15 Cando Aharón e os seus fillos dean envolto tódolos obxectos do santuario con tódolos seus utensilios sagrados, para pór en marcha o campamento, virán os fillos de Quehat para levalo, pero non poderán tocar nada sagrado, pois morrerían. Este é o cargo que teñen os fillos de Quehat, referente á Tenda do Encontro.
16 Ó cargo de Elazar, fillo de Aharón, sacerdote, estará o aceite para alumar, o incenso para o recendo da ofrenda perpetua, o óleo da unción; o coidado de todo o Tabernáculo e de tódalas cousas que hai nel, tanto o tocante ó santuario coma ós seus utensilios”.
17 Díxolles o Señor a Moisés e Aharón:
18 —“Non deixedes desaparece-las familias de Quehat do medio dos demais levitas.
19 Para que vivan e non morran, habedes proceder con eles deste xeito: cando teñan que se achegar ás cousas sagradas do santuario, Aharón e seus fillos entrarán e sinalaranlles cadanseu servicio e cargo.
20 Non entren eles para ve-las cousas sagradas, nin sequera cando as están tapando, porque morrerían”.
21 Díxolle o Señor a Moisés:
22 —“Fai tamén o censo dos fillos de Guerxón por familias e casas patriarcais.
23 Desde os de trinta anos para arriba ata os de cincuenta anos, e anota a tódolos que sexan capaces para o servicio da Tenda do Encontro.
24 Estes son os cargos das familias de Guerxón e os seus traballos:
25 levarán as cortinas do Tabernáculo e da Tenda do Encontro, as súas cubertas e os coiros de teixugo que se usan para cubrilos por riba, a cortina da entrada da Tenda do Encontro,
26 as cortinas do adro e as da entrada da porta do adro, os panos cos que se cobre o Tabernáculo e o altar por todo o arredor, as cordas e tódolos demais utensilios para o seu servicio, e ensinaráslle-lo que teñen que facer con eles.
27 Conforme as ordes de Aharón e de seus fillos, distribuiranse os cargos dos fillos de Guerxón con tódalas funcións e servicios correspondentes, que lles encomendaredes en cada caso.
28 Estes son os cargos dos fillos de Guerxón na Tenda do Encontro. No referente ás gardas, estarán baixo a autoridade de Itamar, fillo do sacerdote Aharón.
29 Censara-los fillos de Merarí, por familias e casas patriarcais.
30 Fara-lo censo dos varóns de trinta anos para arriba ata os cincuenta anos, tódolos que sexan capaces para o servicio da Tenda do Encontro.
31 Estes son tódolos traballos dos que se encargarán na Tenda do Encontro: levarán as táboas do Tabernáculo, os seus varais, as columnas, as súas bases,
32 e tamén as columnas que están ó redor do adro coas súas bases, as súas estacas e as cordas con tódolos accesorios correspondentes. Apuntaredes co nome deles os utensilios que teñen que gardar por cargo.
33 Estes son os traballos que lles corresponden ós fillos das familias de Merarí, referentes todos ós servicios da Tenda do Encontro, baixo a autoridade de Itamar, fillo do sacerdote Aharón”.
34 Moisés, Aharón e os príncipes da comunidade fixeron o censo dos fillos de Quehat por familias e casas patriarcais.
35 De trinta anos para arriba ata os cincuenta, tódolos que eran capaces para o servicio na Tenda do Encontro.
36 Os censados por familias sumaron 2.750.
37 Estes son os censados da familia de Quehat que Moisés e Aharón dedicaron ó servicio da Tenda do Encontro conforme as ordes do Señor, baixo a autoridade de Moisés.
38 Os fillos de Guerxón anotados por familias e casas patriarcais,
39 desde a idade de trinta anos para arriba ata os cincuenta, tódolos que tiñan de ingresar no servicio da Tenda do Encontro,
40 contados por familias e casas patriarcais, foron 2.630 en total.
41 Estes son os contados por familias de entre os fillos de Guerxón, tódolos que servían na Tenda do Encontro, que censaron Moisés e Aharón segundo as ordes do Señor.
42 Os fillos de Merarí anotados por familias e casas patriarcais,
43 desde trinta anos para arriba ata a idade de cincuenta anos, tódolos que tiñan que ingresar no servicio da Tenda do Encontro,
44 contados por familias, sumaron en total, 3.200.
45 Estes son os censados da familia de Merarí, que anotaron Moisés e Aharón seguindo as ordes do Señor, baixo a autoridade de Moisés.
46 O total dos censados por Moisés, Aharón e os xefes de familia de Israel, dos descendentes de Leví por familias e casas patriarcais,
47 de trinta anos para arriba ata cincuenta, tódolos que tiñan que ingresar no servicio da Tenda do Encontro da comunidade, segundo os respectivos cargos,
48 sumaron 8.580.
49 Conforme as ordes do Señor, Moisés censounos un por un, segundo os servicios que debían desempeñar. Os designados foron aqueles que o Señor lle mandara a Moisés.