Números 6:1-27
6 Faloulle o Señor a Moisés:
2 —“Dilles ós fillos de Israel: Calquera home ou muller que fagan voto de nazireato e queiran consagrarse ó Señor,
3 non poderán beber viño nin bebidas embriagadoras, nin vinagre de viño, nin outras bebidas fermentadas de uva, nin comerá uvas frescas ou pasas.
4 Mentres lles dure o nazireato, non tomarán nada que veña do froito das cepas, nin das sementes nin do bagazo.
5 En todo o tempo do nazireato non pasará a navalla pola cabeza, ata que se completen os días da súa consagración ó Señor: será reservado para o Señor e deixará crece-los cabelos da súa cabeza.
6 En todo o tempo da súa consagración ó Señor como nazireo non poderá toca-lo cadáver de ningún morto.
7 Para non se contaminar, non se achegará ó cadáver nin de seu pai, nin de súa nai, nin de seu irmán, nin da súa irmá, porque leva na súa cabeza o sinal de estar consagrado a Deus.
8 Durante todo o tempo do seu nazireato está consagrado ó Señor.
9 Mais se por un casual morre de súpeto alguén á súa beira, e queda impuro o sinal do nazireato que leva na cabeza, rapará logo a cabeza no día da súa purificación, isto é, no sétimo día.
10 E no oitavo día irá onda o sacerdote á porta da Tenda do Encontro, levando dúas rulas ou dous pombiños.
11 O sacerdote fará o sacrificio con un deles polo pecado, e ofrecerá o outro en holocausto para expiar por el, para lle borra-la mancha contraída por se achegar ó cadáver. Quedará purificada a súa cabeza nese mesmo día.
12 Consagrará de novo ó Señor os días do seu voto de nazireo, e presentará un año dun ano para expiar pola culpa, e non lle valerán os días do voto xa pasados, porque foi contaminado o seu nazireato.
13 Esta é a lei do nazireato: o día en que se complete o prazo do seu nazireato, será conducido á entrada da Tenda do Encontro,
14 e ofrecerá a súa ofrenda ó Señor: un año dun ano sen defecto, que se queimará en holocausto, e unha aña dun ano, tamén sen defecto para a expiación dos seus pecados, e un carneiro sen mancha para o sacrificio de comunión;
15 e tamén un cesto de bolos de pan asmo de flor de fariña triga, amasada con aceite, e tortas sen fermento cociñadas con aceite, e todo o que se precisa para a oblación e as libacións destes sacrificios.
16 O sacerdote presentará todo ó Señor e ofrecerá o sacrificio expiatorio polo pecado, e mailo holocausto.
17 Ofrecerá o carneiro como sacrificio de comunión en honor ó Señor, xunto coas cousas do cesto e ofrecerá ademais as correspondentes libacións.
18 Diante da porta da Tenda do Encontro o nazireo rapará a súa cabeza, recollerá os cabelos consagrados polo voto de nazireo e botaraos ó lume, que arde debaixo da víctima dos sacrificios de comunión.
19 Despois o sacerdote collerá a pá asada do carneiro, e un bolo de pan sen fermento do cesto dos ázimos e unha torta sen fermento, e porá todo esto na palma da man do nazireo, despois que teña acabado de lle rapa-la cabeza consagrada.
20 O sacerdote abalarao todo ritualmente diante do Señor: é unha cousa santa que lle pertence a el, ademais do peito, que tamén abalará, e da perna dianteira, que presentará ó Señor do mesmo xeito. Despois disto o nazireo poderá xa beber viño.
21 Esta é a lei do nazireo que fixo un voto, cando presente a súa ofrenda ó Señor para a súa consagración, ademais do que poida engadir. Procederá de acordo coas promesas que fixo ó formula-lo voto, conforme a lei do nazireato”.
22 O Señor faloulle a Moisés:
23 —“Dilles a Aharón e a seus fillos: desta maneira habedes de bendici-los fillos de Israel:
24 Que o Señor te bendiga e te garde.
25 Que o Señor faga brillar sobre ti o seu rostro e se compadeza de ti.
26 Que o Señor che mostre o seu rostro e che conceda a paz.
27 Eles invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos”.